Ayuntamiento 02/12/2019

O goberno local proponlle ao Pleno incluír no orzamento para este ano os fondos necesarios para pechar o caso do antigo Conde de Fenosa

by Victor Lamela

O goberno local vén de presentar unha emenda ao ditame da Comisión Informativa de Facenda do pasado 6 de febreiro que ten como obxectivo modificar o estado de gastos do proxecto de orzamentos xerais do Concello para este ano, de forma que o presuposto municipal teña crédito suficiente para facer fronte ao pago de indemnizacións derivadas da homologación do convenio de mediación sobre o edificio do antigo Conde de Fenosa, que evita o seu derrubo e as consecuencias que o mesmo tería para o equilibrio económico do Concello. Desta forma, o Pleno municipal terá que decidir esta tarde se se inclúen ou non no proxecto orzamentario os fondos necesarios para dar por pechado un conflito urbanístico que a cidade arrastra dende hai 21 anos.

O modificativo presentado polo grupo de goberno contempla incrementar o crédito inicial previsto na aplicación destinada a indemnizacións urbanísticas do Estado de Gastos, en 2.650.000 euros, de forma que esa partida pasaría a contar cun montante de 3.025.000 euros, dos que 2.975.000 “quedarían especificamente destinados ao pago da indemnización derivada da execución da sentenza citada”. Para poder realizar este modificativo, o goberno local propón unha minoración de crédito polo mesmo valor en distintas aplicacións do estado de gastos.

Vieito recorda que a homologación da sentenza se fixo pública hai poucos días, feito polo que o proxecto de orzamentos municipais do Concello non podía prever a necesidade desta cantidade. “O proxecto presupostario que foi aprobado pola Xunta de goberno local e sometido ao ditame da Comisión Informativa de Facenda contabilizaba unha partida de 400.000 euros, dos que só 350.000 estarían dispoñibles, para facer fronte ao pago de indemnizacións derivadas de actuacións urbanísticas”, aclara a edil, que recorda que a homologación do acordo acadado mediante o procedemento de mediación intraxudicial derivará “nun auto xudicial que terá valor de título executivo, polo que é preciso garantir a existencia de crédito adecuado e suficiente na conta municipal”.

A titular de Facenda apelou á responsabilidade da oposición, e nomeadamente ao PSOE, “á hora de facilitar que tanto esta emenda como o proxecto orzamentario para 2019 sexan aprobadas de forma inicial no Pleno desta tarde”. “A homologación da sentenza do edificio Conde de Fenosa evitou un grave prexuízo ás arcas municipais que tería derivado en consecuencias para a cidadanía xa que só os custos da execución da sentenza de derrubo estimábase en aproximadamente 60 millóns de euros”, recorda a responsable municipal. “Evitada esa situación, todas as formacións temos que contribuír a pechar, dunha vez por todas, o conflito con este edificio, que deriva da concesión dunha licenza urbanística ilegal concedida polo PSOE, naquel momento á fronte de María Pita”, apuntou. “O máis sinxelo para proceder ao pago da indemnización sería ter un novo orzamento en vigor. Un modificativo sobre un orzamento prorrogado sería moito máis complicado, xa que habería que buscar de onde sacar esta cantidade, ademais doutras, de obrigado cumprimento, como as que teñen que ver co incremento dos gastos de persoal”, explicou a concelleira.

A %d blogueros les gusta esto: