Uncategorised 18/01/2016

O Goberno local rexeita que haxa responsabilidade municipal pola perda de aproveitamento en San Amaro e achaca aos propietarios dos terreos a imposibilidade de ter construído neles

by Victor Lamela

O Goberno local rexeitou este domingo a responsabilidade patrimonial que lle atribúen ao Concello varios propietarios de terreos na Agra de San Amaro, e avanzou, ante a demanda anunciada por estes, que defenderá no xulgado os intereses municipais e se oporá ás pretensións indemnizatorias das persoas demandantes, tal e como está a facer con outras reclamacións similares en trámite xudicial. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, descarta a responsabilidade municipal polo incumprimento dos convenios asinados en 1993 en relación á cesión dos terreos para a execución do Paseo Marítimo nese ámbito e lembra que o aproveitamento urbanístico contido neses acordos incorporouse, tanto no PXOM de 1998 como no proxecto de compensación aprobado no 2008, e que supuxo o peche do expediente de responsabilidade patrimonial recoñecido en Pleno seis anos antes.

Como indica o responsable municipal, se os propietarios non materializaron ese aproveitamento foi porque tardaron máis de dez anos en tramitar a reparcelación, a causa de discrepancias entre eles, e tampouco urbanizaron no prazo que lles marcaba o Plan Xeral de 1998. “Polo tanto, non teñen dereito a indemnización polo feito de que o novo PXOM do 2013 altere e modifique a ordenación urbanística da zona”, conclúe Varela, quen entende que “a imposibilidade sobrevida de construír na Agra de San Amaro e de materializar o acordado co Concello en 1993 foi pola única e exclusiva responsabilidade dos propietarios”.

Varela sinala tamén que unha sentenza do pasado 7 de xaneiro, do xulgado do contencioso administrativo número 3, vén de desestimar unha demanda de responsabilidade patrimonial dunha promotora de San Amaro, ao resolver o xulgado, en concordancia co posicionamento do Goberno municipal, que a denegación da licenza, motivada pola declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade e os Informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, non determinan suposto ningún de responsabilidade patrimonial a cargo do Concello.

Neste sentido, o concelleiro subliña ademais que o Goberno local non aprobará nin autorizará ningún plan ou proxecto que supoña novas construcións na contorna da Torre, nin na Agra de San Amaro nin na canteira de Adormideras, xa que a Torre e os seus arredores, “ademais de ser patrimonio da humanidade, son patrimonio do conxunto da cidadanía coruñesa, e a súa posta en valor é un dos principios básicos irrenunciables deste Goberno”.

A %d blogueros les gusta esto: