coruna 11th octubre 2018

O Goberno local suspende a concesión de novas licenzas de construción na contorna das murallas históricas da cidade co obxectivo de estudar medidas para a súa posta en valor

by Victor Lamela

A Concellería de Rexeneración Urbana levará á Xunta de goberno local extraordinaria que se celebra mañá a proposta de suspensión por un ano das licenzas relativas a parcelación, edificación e demolición no ámbito no que se atopan as murallas históricas da cidade da Cidade Vella, dende o Metrosidero até Porta Real, co dobre obxectivo de estudar medidas para a posta en valor do conxunto histórico defensivo da cidade e tamén para analizar as posibilidades existentes para definir novas dotacións públicas que dean servizo á veciñanza do casco histórico, unha liña de acción enmarcada no Plan de Revitalización do barrio. O responsable de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, explicou que esta suspensión, un mecanismo que prevé a Lei de Solo de Galicia e que xa se empregou noutros casos na cidade, “non afectará en ningún caso ás licenzas de conservación, mantemento e rehabilitación integral, se ben a decisión apenas afecta a edificación residencial”.

Esta período de suspensión permitirá, como indicou o edil, por un lado, a análise das medidas precisas para “poñer en valor e protexer o conxunto histórico do sistema defensivo das murallas da Cidade Vella, un conxunto de gran valor patrimonial”, e, por outro, “afondar na necesidade de estudar a posibilidade de introducir novas dotacións públicas que complementen as necesidades do tecido residencial da Cidade Vella, ante o déficit de zonas verdes e a carencia de equipamentos do barrio”. Tal e como lembrou o concelleiro, esta demanda foi posta de relevo xa na primeira xuntanza da Mesa Cidadá da Cidade Vella, en maio deste ano, constituída no marco do Plan de Revitalización da zona. A decisión supón, ademais, poñer en marcha un proceso paralelo do procedemento de modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría (PEPRI) que se adapte a esta dobre finalidade exposta polo Goberno local e que sirva tamén para levar a cabo “outras cuestións máis técnicas, como son a adaptación do plan á normativa urbanística vixente, xa que no ano 2016 foi aprobada unha nova lei do solo de Galicia”.

O concelleiro de Rexeneración Urbana considerou tamén que esta modificación está vinculada ao traballo e política do Goberno local para “protexer o bordo litoral da cidade”. Neste sentido, citou o a modificación puntual no terreo da Solana para cambiar a súa natureza de privado a público ou “o proceso relacionado cos peiraos interiores da cidade, onde defendemos unha folla de ruta radicalmente distinta da prevista por anteriores executivos e que se basea na titularidade e xestión pública dos terreos”.

A %d blogueros les gusta esto: