coruna 26/02/2021

O Goberno municipal propón consensuar un novo PRESCO centrado na dinamización económica e nas axudas aos sectores máis afectados pola pandemia

by Victor Lamela

O Goberno municipal deu un novo paso cara a aprobación dun novo Plan de Rescate Económico e Social da Coruña (PRESCO) coa presentación na Comisión de Economía e Facenda dunha proposta cun borrador de liñas xerais, que está aberto ás aportacións por parte de todos os grupos tal e como se acordou no seu día. Tal e como anunciara a alcaldesa, a intención do executivo é aprobar un novo plan que axude a aliviar a situación dos sectores máis afectados.

O Goberno de Inés Rey foi pioneiro o ano pasado coa activación dun primeiro plan de axudas e incentivos, plan dotado con 14,4 millóns de euros e que facilitou axudas a cerca de 4.000 autónomos e micropemes a través das distintas liñas implementadas.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, explicou hoxe aos grupos na Comisión de Facenda as liñas mestras do novo programa. “Queremos axudar á recuperación económica, retomando accións que levamos a cabo o ano pasado con éxito, como os plans de bonos para reactivar o consumo”, explicou o edil. Na proposta presentada aos grupos constan bonos específicos para hostalaría, comercio e cultura, e tamén para axudar ao sector do taxi, moi afectado por unha redución da demanda derivada da pandemia.

A diferenza do 2020, preténdese tamén ofrecer un soporte en papel para os bonos, para que a aplicación das novas tecnoloxías nos canxes non supoña unha barreira para ninguén, e para garantir que calquera poda desfrutar dos descontos.
“No eido social, queremos manter programas que funcionaron moi ben o ano pasado, como o de canguraxe, e poñer en marcha novos plans de apoio ás persoas maiores”, indicou o edil e portavoz do Goberno local.

Ademais, expuxo Lage Tuñas, a intención é tamén recuperar as axudas directas aos autónomos, achegas que axuden ao pago do aluguer e das cotas da Seguridad Social ás persoas autónomas e micropemes e se poidan aboar dun xeito áxil.
A proposta do Goberno municipal inclúe a reedición das bolsas de creación artística e a programación de actividades culturais para contribuír ao mantemento de dito sector, ao que tamén irían destinados os bonos, que permitirían aboar tamén entradas e espectáculos. Ademais, o executivo quere contribuír á modernización dixital do propio Concello, aforrando así tempo aos veciños nas súas xestións municipais e evitándolles desprazamentos innecesarios.

José Manuel Lage solicitoulle aos grupos que fagan aportacións durante as dúas próximas semanas antes de reunirse de novo en comisión para poder pechar o plan e poñelo en marcha. “Coido que no respaldo ao PRESCO temos que estar unidos, igual que o estivemos en xuño do ano pasado, cando aprobamos por unanimidade o primeiro plan de reactivación”, indicou Lage Tuñas.

A %d blogueros les gusta esto: