Uncategorised 11/01/2016

O grupo de Goberno leva a Pleno unha moción na que insta a Xunta e Estado a adoptar medidas para solucionar a problemática habitacional nun edificio de Novo Mesoiro

by Victor Lamela

O grupo de Goberno do Concello da Coruña, en resposta a unha demanda veciñal, levará a Pleno o próximo luns unha moción pola que insta á Xunta de Galicia e ao Estado a tomar medidas, no marco das súas competencias, para restablecer e garantir unha adecuada convivencia nun bloque de vivendas da rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro. En concreto, o Goberno local expón que dende hai anos, esta zona da cidade acarrexa unha problemática de carácter habitacional nuns inmobles propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Xunta de Galicia. En concreto, os pisos nesta situación atópanse en catro portais distintos.

Segundo relata a moción, plantexada en atención ás demandas da cidadanía da zona, o pasado 15 de decembro, “a Asociación Veciñal de Novo Mesoiro convocou a unha xuntanza a todas as partes involucradas, para tratar as problemáticas de convivencia que veñen xurdindo no edificio Ribeira Sacra, co obxectivo de buscar unha saída conxunta á situación”. Á xuntanza foron convocados Xunta de Galicia e Concello da Coruña, ademais de membros do departamento de Seguridade Cidadá, propietarios, administradora de fincas e asociación veciñal. Á cita acudiron representantes de todas estas entidades, agás da Administración autonómica. Na mesma, acordouse crear unha comisión de seguimento que se reunirá periodicamente e coa que se tratará de buscar unha solución á problemática existente.

O Goberno local sostén, en base ás conversas mantidas coa veciñanza da zona, que é imprescindible que esta situación sexa abordada por todas as administracións con competencias na materia. “Por iso, é indispensable o traballo coordinado das concellerías de Rexeneración Urbana, Xustiza Social e Participación e Innovación Democrática, así como do departamento de Seguridade Cidadá do Concello, a Subdelegación do Goberno (dependente do Ministerio de Interior) e a Xunta de Galicia.

Así, o Concello da Coruña mantén que tanto Estado como Xunta deben adoptar as medidas necesarias para restablecer a adecuada convivencia da cidadanía desta zona, e que tanto a administración local como a Subdelegación de Goberno deben participar na comisión constituída con tal obxectivo.

Do mesmo xeito, o Concello demanda á Xunta de Galicia e, en concreto, ao IGVS, a cesión das vivendas de protección oficial situadas na rúa Ribeira Sacra ao Concello no caso de que no prazo de dous meses non se cumpran as premisas anteriores: que administración local e Estado non asuman as súas competencias e non entren a formar parte da comisión de seguimento constituída a petición da veciñanza.

O Goberno local recorda o artigo 24 do decreto 253/2007 do réxime xurídico do IGVS que determina o réxime de cesión de vivendas para fins de interese público ou social, incluíndo en dito réxime a ocupación temporal de vivendas de protección oficial de promoción pública propiedade do IGVS a favor do Concello, “para ser destinadas a vivenda transitoria de determinados colectivos con necesidades especiais ou outras finalidades de interese público ou social”.

A %d blogueros les gusta esto: