coruna 07/11/2016

O grupo de Goberno traslada ao Pleno unha moción na que insta a que se inicie o proceso que conduza ao peche dos CIE “por non respectar os dereitos humanos das veciñas e veciños que os habitan”

by Victor Lamela

O grupo de Goberno trasladará ao próximo Pleno ordinario, que se celebrará hoxe, luns, unha moción na que busca o acordo da Corporación para instar o Goberno do Estado a que inicie un proceso que conduza ao peche dos sete Centros de Internamento de persoas Estranxeiras (CIE) operativos no Estado español, “que demostraron durante anos non conseguir os seus obxectivos institucionais e non respectar de maneira significativa os dereitos humanos das veciñas e veciños que os habitan”. A iniciativa propón tamén unha serie de medidas a adoptar en tanto que no se fai efectivo o peche dos CIE, como son a esixencia de transparencia na xestión cotiá destes recintos “e a facilitación do acceso de entidades cidadás dedicadas ao apoio á poboación inmigrante”, así como a esixencia de atención social, sanitaria e xurídica “realmente efectivas e adecuadas ás persoas internas”. Do mesmo xeito, o grupo da Marea Atlántica propón un acordo para que o Concello urxa ao Congreso dos Deputados a “inmediata posta en marcha dunha mesa ou comisión parlamentaria na que se reformule toda a normativa referente a estranxeiría, incluíndo o peche dos CIE”.

Como se expón, a moción relativa aos CIE vén referendar o xa acordado polo Pleno coruñés noutra moción anterior, aprobada en novembro de 2015, en favor do peche deste tipo de centros. Neste caso, ademais, pretende facerse un chamado ás autoridades correspondentes para o esclarecemento dos feitos ocorridos na madrugada do 19 de outubro no CIE de Aluche (Madrid) –cando un grupo de persoas iniciou unha protesta, subíndose a un dos tellados do recinto para denunciar as condicións que sofren as persoas internas– , así como das consecuencias que se derivaron e das actuacións que se produciron durante as 72 horas seguintes. Neste sentido, a moción busca esixir ao Goberno do Estado que non se expulse ás 39 persoas internas que protagonizaron a protesta naquela madrugada, “no seu libre exercicio do dereito constitucionalmente recoñecido de reunión pacífica (art. 21)”, durante o tempo que proceda a esta investigación e que adopte “todas aquelas medidas que sexan necesarias para conseguir o respecto absoluto dos Dereitos Humanos neste Centro e naqueles CIE do resto do territorio español”. Como se recorda, o de Aluche é o centro ao que se derivan a maioría dos casos desde Galicia.

A moción que será sometida ao debate plenario alerta da “opacidade que envolve a xestión destes centros”, á que se suman as reiteradas denuncias relativas á violación de dereitos das persoas internas nos o CIE. “Estes feitos provocan que este Concello mostre a súa preocupación pola defensa dos Dereitos Humanos daquelas veciñas e veciños, tamén da Coruña, que se atopan internados nos CIE”, faise constar no texto, que reclama a declaración expresa do Concello da Coruña en favor do peche destes espazos.

A %d blogueros les gusta esto: