coruna 5th diciembre 2018

O ministro Pedro Duque visita a Universidade da Coruña

by Victor Lamela

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, mantivo onte unha reunión co ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, que acudiu á cidade para inaugurar a exposición “Ciencia y tecnología en democracia 1978-2018” no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Muncyt.

No acto de inauguración estaba tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, ademais doutras autoridades. Durante o acto de inauguración, o ministro puxo en valor a evolución da I+D+i durante os corenta anos da Carta Magna en España e destacou o papel da divulgación científica e da innovación para concienciar á sociedade da importancia da ciencia e a innovación para o presente e o futuro da sociedade. Nesta liña, Duque anunciou un novo programa de cultura científica en 2019 para fomentar as vocacións científicas.

Ao remate da inauguración, Pedro Duque reuniuse con Julio Abalde nas instalacións do Muncyt, nun encontro no que tamén estivo a secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desarrollo e Innovación, Ángeles Heras Caballero. Na reunión, que se prolongou pese ao apretadísimo da axenda do ministro, o reitor explicoulles varios programas exitosos da UDC, como o programa de captación de talento científico UDC-Inditex, InTalent. Ademais, Abalde avanzoulle ao ministro e á secretaria de Estado algúns dos proxectos para o vindeiro ano, que tanto Duque como Heras valoraron moi positivamente. Finalizada a reunión, o ministro manifestou o seu interese en realizar unha visita á Universidade da Coruña para coñecer as súas instalacións e ao seu persoal.

O Muncyt é un museo público adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, xestionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Fecyt. A exposición amosa fitos científicos nestes corenta anos de democracia e algúns dos avances nos que están a traballar investigadores españoles. Entre eles, a Universidade da Coruña participa cunha pequena mostra do labor dos seus científicos. Esta exposición está realizada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, CDTI, para conmemorar os corenta anos da Constitución Española.

 

A %d blogueros les gusta esto: