coruna 04/15/2019

O Observatorio da Igualdade e Diversidade abre un repositorio de información pública que se manterá actualizado todo o ano para facilitar a análise da situación de mulleres e homes na cidade

by Victor Lamela

​O Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade (OMID) vén de publicar o cuarto informe ​A Coruña en Cifras, que recolle e analiza a información dispoñible sobre a situación das mulleres e dos homes na cidade “para identificar situacións de desigualdade e axudar a orientar as políticas públicas”. Con esta nova publicación do estudo, a Concellería de Igualdade e Diversidade busca avanzar na accesibilidade da información, xa que pasa a ter dispoñible para a súa descarga dende a páxina web do observatorio os datos dos distintos ámbitos que analiza o estudo cada ano. “Cremos que o labor do observatorio ten que rachar coa construción de fotos fixas anuais, polo que agora temos dispoñibles online as diferentes métricas para quen queira empregalas e en formatos adecuado para a súa análise”, explica a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. “Este sistema conta tamén coa vantaxe de que está en constante proceso de actualización, polo que calquera veciña, veciño ou entidade da cidade dispón dun repositorio no que acceder facilmente en calquera momento e consultar datos oficiais sobre a situación de mulleres e homes en diversos ámbitos”, apunta.

O estudo realizado este ano, ademais, recolle parte do traballo acumulado nestes últimos anos e “analiza e presenta os datos en serie para poder ver a súa evolución”. O informe recolle que as mulleres son as principais usuarias do transporte público, espazos e actividades de lecer e deportivas, así como as principais beneficiarias as axudas dos servizos sociais. No ámbito da mobilidade urbana, as mulleres representan, a datos de marzo de 2019, o 59,4% das persoas titulares da tarxeta Millennium, especialmente nas tarifas de uso xeral (115.129 mulleres e 77.738 homes) e para persoas desempregadas (4.623 mulleres e 2.473 homes). Porén, no que se refire a persoas usuarias de Bicicoruña, son maioría os homes, que representan o 52% do total.

No que respecta ás actividades culturais programadas dende o Concello, as actividades de ocio dos centros Ágora e do Fórum Metropolitano rexistraron o pasado ano unha maioría de mulleres, que chega ao 77% no caso do primeiro espazo e ao 79,5% no segundo. No caso das bibliotecas municipais tamén a maioría das persoas socias son mulleres, cun 58%. Unha tendencia que se repite tamén entre as persoas que participan nas Escolas Deportivas Municipais. No caso das actividades dirixidas a maiores de 18 anos, as mulleres representan o 78,13% do total mentres que nas orientadas a menores as porcentaxes iguálanse ata acadar un 51% para as rapazas e un 49% para os rapaces.

Esta mesma tendencia constátase no uso dos recursos dos servizos sociais dos que dispón a Concellería de Xustiza Social e Coidados, nos que no 61% dos casos a persoa titular da axuda é unha muller. Elas son tamén perceptoras do 74,72% das prestacións non contributivas de xubilación. Tal e como apunta a edil Rocío Fraga, “o informe fai patente, a través dos datos de servizos sociais, de prestacións e emprego, que as mulleres continúan a realizar un rol de coidados moi acentuado nas familias, que se traduce nunha ausencia do mercado laboral e a prestación non contributiva como fonte de ingresos na xubilación”.

A %d blogueros les gusta esto: