Deportes 21/10/2020

O Pavillón de Deportes da Universidade da Coruña incorpora novidosas técnicas de eficiencia enerxética para facelo un edificio sustentable

by Victor Lamela

A Universidade da Coruña vén de iniciar as obras de mellora e acondicionamento do Pavillón de Deportes do campus de Elviña que inclúen a instalación de novidosas técnicas de eficiencia enerxética para facer deste un edificio sustentable.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares, visitaron as obras do pavillón, que abarcan moito máis que unha simple reparación.

Estas obras forman parte dun plan da UDC de mellorar a eficiencia enerxética dos seus edificios con actuacións en seis dos seus centros, tal e como lembrou o reitor. “Estas obras inician o proxecto de eficiencia enerxética dun plan de seis obras que contan con financiamento do INEGA. É un paso importante no eido da eficiencia enerxética na Universidade da Coruña que nos permitirá transformar edificios e actualizalos ás normativas enerxéticas actuais, dentro dos principios estratéxicos da UDC de eficiencia e sustentabilidade”. Para o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, a obra no Pavillón de Deportes forma parte dun proxecto “no que estamos a colaborar coa Universidade da Coruña cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros que vai permitir o aforro de custes enerxéticos de máis de 240.000 euros ao ano”. “A eficiencia e o aforro co que está a contribuír a Universidade da Coruña é moi substancial”, valorou Trenor.

O proxecto do Pavillón de Deportes comprende obras de reparación integral da cuberta, con especial atención aos lucernarios sobre a pista de xogo, reparación e illamento térmico da fachada, instalación de bomba de calor e paneis fotovoltaicos para calefacción e auga quente sanitaria, substitución de luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED máis eficientes, acondicionamento do terreo perimetral, así como a instalación dun sistema urbano de drenaxe sustentable que pretende minimizar a sobrecarga na rede de saneamento municipal, creando un estanque de auga que se filtrará e depurará de forma pasiva mediante axentes biolóxicos.

O investimento desta obra supera os 690.000€ e conta cunha subvención do INEGA que aporta o 80% do investimento. O prazo de execución é de tres meses.

 

Obras na Escola Técnica Superior de Arquitectura

Ademais destas obras, iniciáronse tamén os traballos de reparación e mellora na Escola Técnica Superior de Arquitectura. Neste caso as obras consisten na mellora e diminución da envolvente térmica coa substitución das carpinterías e a elevación da pirámide de vidro que cubre o vestíbulo ata a cuberta, así como o cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, para que o edificio consiga así un incremento da súa eficiencia enerxética.

O plan de mellora da eficiencia enerxética da UDC inclúe obras tamén na Reitoría, con traballos de climatización e iluminación LED; en Normal (Campus de Riazor), iluminación LED, caldeira, monitorización enerxética e instalación en cuberta de paneis fotovoltaicos; na Escola Politécnica Superior (Campus de Ferrol), iluminación LED, caldeira e monitorización e, na Facultade de Humanidades e Documentación (Campus de Ferrol), tamén coa mellora da caldeira, monitorización e iluminación LED.

Este proxecto de eficiencia enerxética permitirá obter unha porcentaxe de aforro de enerxía primaria non renovable mínima do 25%, chegando ao 48% nalgún centro, e evitarase a emisión de 706 tCO2 ao ano, así mesmo a UDC conseguirá un aforro económico de 240.000€/ano.

A %d blogueros les gusta esto: