coruna 20/10/2015

O Pleno municipal aproba o modificativo de crédito necesario para que o actual Goberno poida facer fronte ás facturas impagadas do anterior Executivo

by Victor Lamela

O Pleno extraordinario do Concello da Coruña aprobou hoxe cos votos a favor do grupo de Goberno e o PSOE, a abstención do BNG e a negativa do PP, un modificativo de crédito de máis de 4,2 millóns de euros, necesario para poder facer fronte ás facturas impagadas derivadas da xestión do anterior Executivo popular.

Este reaxuste orzamentario, unido ás medidas de contención e redución de gasto, así como a de supresión de postos directivos, baixada de retribucións dos cargos electos e do persoal eventual, contribúe a paliar, polo menos parcialmente, os graves problemas económicos nos que o anterior Goberno deixou ao Concello da Coruña. Coa aprobación deste modificativo, o actual Executivo municipal poderá afrontar as necesidades económicas e sociais da cidadanía da Coruña, a auténtica prioridade deste Goberno (a variación orzamentaria servirá non só para facer fronte a 2,5 millóns de euros en facturas non abonadas do anterior Executivo que non tiñan reservas, así como para destinar partidas para diversos programas de emerxencia e axudas sociais, de dinamización comercial ou de equipamentos para centros escolares públicos, entre outras cuestións). O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou durante a sesión: “Este modificativo é froito da pésima xestión do anterior Goberno. Traemos esta proposta ao Pleno para afrontar as facturas pendentes do PP, para atender a necesidades sociais e, á vez, para rebaixar o PMP (Período Medio de Pago a Provedores) do Concello”, elevado tamén a causa dos impagos pendentes da anterior etapa municipal.

Por outra banda Ferreiro destacou, durante o Pleno, que a rebaixa de crédito que se recolle no modificativo “está directamente relacionada coa redución dos soldos do actual rexedor, dos concelleiros e do persoal eventual, un compromiso deste Goberno”. Por outro lado, quixo dirixirse ao funcionariado municipal para indicarlles que “non dubiden que son unha das preocupacións esenciais deste Goberno” e que entre o final de 2015 e o principio de 2016 recibirán o 26,2% da paga extra devengada en 2012, retirada ese ano polo Executivo central dirixido por Mariano Rajoy. O primeiro edil da Coruña fixo fincapé no “cinismo” que, ao seu xuízo, representa o feito de que “o PP queira erixirse agora en defensor do funcionariado”. “Non lles interesa que se obstaculice a opción do Goberno municipal, non lles interesan os cidadáns, só están centrados nas eleccións xerais e en intentar que Rajoy, ou quen queira que se presente en último momento, se manteña na presidencia”.

A %d blogueros les gusta esto: