coruna 24/06/2020

O prazo para solicitar e renovar praza nas escolas infantís ábrese do 26 de xuño ao 16 de xullo

by Victor Lamela

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou xa as bases reguladoras do proceso de admisión nas nove escolas infantís municipais para o curso 2020-2021, despois de seren aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 17 de xuño, en que as e os menores escolares terán dereito á renovación da praza na súa escola do 26 de xuño ao 16 de xullo, sempre que estean ao día no pago das tarifas mensuais. Tamén se poderá solicitar praza noutra escola en caso de cumprir co requisito anterior e que a/o pequena/o teña unha/un irmá/irmán nese centro ou en caso de ser menor con NEAE e non haxa outra/o na unidade na que se solicite ingresar. As familias que estean nesta situación presentarán na secretaría da escola a documentación precisa e unha vez que finalice o prazo de reserva de praza, publicarase unha listaxe de prazas vacantes en cada unha das escolas e na páxina web do concello (https://www.coruna.gal/educación/es). Seguidamente, abrirase o prazo para solicitar praza de novo ingreso (preferente e ordinario).

Canto aos novos ingresos, terán carácter preferente as solicitudes correspondentes a fillas/os do persoal traballador da escola, as nenas e nenos que conten cunha irmá ou irmán escolarizada/o nunha escola da REIM para os efectos de se matricularen nela por primeira vez, as consideradas de urxencia social, isto é, menores tuteladas/os ou en situación de garda por parte da Administración autonómica, fillas e fillos de persoas que estean en casa de acollida ou vítimas de violencia de xénero ou as e os que se encontren en circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. Todas estas situacións enumeradas deberán acreditarse documentalmente para xustificar a súa preferencia. As peticións de novo ingreso que non teñan carácter preferente serán obxecto dunha baremación para a que se terá en conta a súa situación socioeconómica (que virá determinada pola renda anual da unidade familiar), a sociofamiliar e a sociolaboral de cada pequena/o. Poderán pedir até un máximo de dúas escolas por orde de prioridade e como requisito indispensable as e os proxenitores ou titoras/es deberán estar empadroadas/os no municipio da Coruña con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano en que se solicita a praza. En caso de estaren separados, polo menos unha das dúas persoas terá que cumprir con esta premisa.

As solicitudes deberanse presentar desde este venres até o 16 de xullo en liña na web municipal www.coruna.gal/educacion a través da ficha específica “solicitude de praza na escola infantil 2020-2021”. Unha vez formulada, o sistema elaborará un documento PDF, do que se mandará unha copia ao correo electrónico das persoas demandantes. Este documento deberase imprimir, asinar e presentar no rexistro xeral xunto co resto da documentación. A matrícula será xestionada por cada unha das Escolas da REIM ás que as familias con nenas/os admitidas/os deberán dirixirse para confirmalo.

Unha vez que se complete este proceso e sempre que existan prazas vacantes, abrirase un novo prazo de solicitude que se someterá, neste caso, aos mesmos criterios de baremación que se sinalan nas bases. Canto ao custo da praza escolar e os servizos complementarios, as persoas residentes na Coruña terán dereito á gratuidade da praza escolar. No caso de extras como o almorzo, comedor, merenda ou horario ampliado, as tarifas serán aprobadas polo concello en Xunta de Goberno Local.

A %d blogueros les gusta esto: