coruna 12th marzo 2018

O proxecto ‘Xeografía, memoria e capital cívico’ propón unha revisión dos monumentos coruñeses dende a perspectiva de xénero

by Victor Lamela

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de publicar o resultado dunhas das residencias de investigación do proxecto Xeografía, memoria e capital cívico, posto en marcha no último trimestre do pasado ano co obxectivo de impulsar a reflexión sobre a esfera pública da cidade da Coruña, e que terá continuidade con novas accións de cara a este ano. A iniciativa municipal, dirixida por Juan de Nieves e Pablo Fanego, constituíuse a través de charlas e un obradoiro impartido por Rogelio López Cuenca. Esta última proposta contou coa colaboración dun grupo de axentes locais que elaboraron, xunto ao artista andaluz, un ‘contramapa’ da cidade que atende a cuestións sociais, históricas e políticas en relación ao proceso de construción e desenvolvemento da Coruña que pode servir de base para diferentes liñas de traballo.

A primeira delas faise efectiva a través da publicación dos resultados da investigación da residencia da artista visual Elo Vega, que tivo lugar nos meses de novembro e decembro. O ensaio, nomeado A contrapelo. As mulleres nos monumentos públicos da Coruña , fai un percorrido textual e fotográfico pola historia monumental do municipio coruñés dende as últimas décadas do século XVIII até o presente, e pon de manifesto a aparición, na meirande parte das ocasións, da figura feminina “dun xeito despersonalizado e subalterno ao home”, e na que se entende o corpo da muller “como ornamento” ou integrado na arquitectura “cunha función estrutural”, como o caso das fachadas do Pazo de María Pita ou do Pazo de Xustiza. Só en contadas ocasións, segundo sinala Vega, a muller ten un papel protagonista nas esculturas monumentais da cidade: é o caso de Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal, que a autora atribúe ambas homenaxes –inauguradas no ano 1916– “á súa adscrición aos puntais fundamentais do réxime, a monarquía e a igrexa”, ademais de Rosalía de Castro (Manuel Ferreiro Badía, 1991), María Pita (José Castiñeiras, 1998) ou á placa colocada en homenaxe á María Wonenburguer tamén no ano 2011, nas proximidades da Casa das Ciencias.

A primeira figura feminina, segundo apunta Vega, aparece na Fonte do Desexo (1876) da praza da Fariña, “na que se recorre a un corpo feminino idealizado, dunha beleza e xuventude arquetípicas” e que “alude ao dexexo masculino”. “O sistema patriarcal levántase sobre unha binaridade home/muller, construída como unha oposición complementaria na que o varón se estima xerarquiamente superior”, especifica a autora, quen apunta como exemplo singular do rol subalterno que se atribúe á muller o monumento a Linares Rivas (Agustín Querol, 1912) situado na Rosaleda, e apunta á cousificación da muller e ao “androcentrismo, malia o aparente progatonismo feminino” que preside as esculturas vinculadas ao mito das sereas, que tiveron especial incidencia na década dos 90 e primeiros anos deste século no litoral coruñés.

A artista tamén afonda no seu traballo na crítica ao “acoutamento natural das mulleres no ámbito doméstico” ou na “identificación entre condición femiina e maternidade, parella e reprodución”, así como na “imaxe de pasividade”, como no caso do Monumento ao libro e aos seus creadores (Manuel García Buciños, 1976) dos xardíns de Méndez Núñéz, Muller ( José astiñeiras) na rúa Barcelona ou Ós Migrantes (Alfonso Vilar Lamelas, 1985) no Parrote. A este respecto, tamén manifesta que na maior parte das ocasións as mulleres aparecen acompañadas por outras figuras masculinas, e que, a partires da segunda metade da década dos oitenta, “durante o proceso de institucionalización das correntes feministas liberais e igualitaristas”, prodúcese uha “eclosión monumental na Coruña” que se materializa na aparición de esculturas “dedicadas ao protagonismo da muller alén do traballo doméstico” e que renden homenaxe “a unha muller xenérica”, como A praceira (Manuel Ferreiro Badía, 1987) na praza do mercado de Monte Alto ou A cigarreira (María Jesús Urgoiti, 1989) da praza da Palloza.

O libro A contrapelo, editado baixo licenza Creative Commons por Chan de Pólvora, poderase copiar, distribuír e comunicar publicamente baixo as condicións de recoñecemento da autoría e sen fins comerciais. Ademais, poderase consultar nas bibliotecas municipais, centros cívicos e outros equipamentos do Concello.

A %d blogueros les gusta esto: