coruna 12/09/2020

O servizo de BiciCoruña contará cun total de 55 estacións e unha flota de 514 bicicletas

by Victor Lamela

Na súa aposta por unha mobilidade sustentable, o Goberno local renovará e ampliará o servizo municipal de BiciCoruña con 32 novas estacións. Deste xeito, a cidade contará con 55 estacións de aparcamento e un parque de 514 bicis, das que 172 serán eléctricas. O Concello conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

O Goberno deulle luz verde o pasado mércores á contratación da subministración de bicicletas, postos de ancoraxe, sistemas tic e software de xestión para o servizo.- Na súa aposta por unha mobilidade de bicicletas de uso público da Coruña, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo 12 de desenvolvemento urbano do programa plurirrexional de España cun prazo de duración de oito meses.

A cidade dispón na actualidade de 23 estacións, que se situarán na mesma localización e que se renovarán para poder implantarlles o novo sistema de xestión, ás que se sumarán cinco máis da iniciativa Pedalea coa UDC na Maestranza, Cidade Escolar, Campus de Elviña 2, Campus da Zapateira e Oza.

Ademais, instalaranse outras 19 estacións procedentes dos orzamentos participativos na praia de Oza, rúa Pablo Picasso, Durmideiras, O Ventorrillo, Agrela, Marineda City, Pocomaco 1, Pocomaco 2, Parque de Eirís, ExpoCoruña, campus de Elviña 1, parque de Santa Margarida, praza de Portugal, Novo Mesoiro, parque de Oza, Catro Camiños, avenida dos Mallos-Rolda de Nelle, centro deportivo de Elviña e parque de Eirís 2. Orillamar, praza de Galicia, Castelo de Santo Antón, Domus, Centro Ágora, parque do Agra, Muncyt e a praza do Arrecife serán outras das localizacións das novas instalacións que forman parte do plan de ampliación de BiciCoruña.

O peso máximo das bicis convencionais será de 23 kg mentres que as eléctricas terán un peso de 30kg. Contarán cun sistema de cambio de tres velocidades e un sistema porta equipaxes dianteiro. Ademais, disporán de pedais con reflectores dianteiros e traseiros, luz dianteira led adaptada á normativa vixente e un sistema de seguimento que permitirá saber o percorrido que se realizou en cada bicicleta.

Pola súa banda, as bicicletas eléctricas contarán cunha batería integrada que se poderá recargar a través da estación e un motor de 250 watios. Deberá de dispor dunha carga mínima para poder realizar un traxecto de oito quilómetros.

Como medida complementaria, o concello, a través de EMVSA, puxo en funcionamento en xullo unha aplicación móbil que lles permite ás persoas usuarias retiraren a bicicleta sen necesidade de introduciren a tarxeta de usuario/a, o que lles evita o contacto físico cos lectores das estacións de aparca-bicicletas. Ademais, esta aplicación permitiralles coñecer en todo momento a estación máis próxima e saberen o seu estado de ocupación a través dun sistema de cores.

A %d blogueros les gusta esto: