Deportes 01/31/2019

O Victoria C.F. doa á UDC os 150.000€ do traspaso de Lucas Pérez do Deportivo ao Arsenal para o arranxo do campo de fútbol da Facultade do Deporte

by Victor Lamela

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou na súa sesión a proposta de doazón do Victoria CF do arranxo do campo de fútbol da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, en Bastiagueiro, valorado en 150.000 euros.

O club de fútbol coruñés recibiu unha compensación económica no exercicio 2017 froito do pago do denominado “mecanismo de solidariedade” polo traspaso do xogador de fútbol profesional saído da súa base Lucas Pérez, do RC Deportivo ao Arsenal FC. O Victoria explica que “para unha entidade de deporte base como a nosa supón un ingreso extraordinario que contemplamos fóra do que representa o orzamento anual” e “entendemos que esta achega económica ten que reverterse no deporte, tendo en conta que en definitiva provén del”. Deste xeito, doarán a realización das obras de acondicionamento do campo de fútbol de herba artificial da facultade de Bastiagueiro por un importe de 150.000 euros. As obras consistirán na substitución do céspede artificial e da canaleta de recollida de augas pluviais, así como a instalación dunha arqueta. Ademais do acondicionamento do terreo de xogo farase unha actuación de mellora do rego, que está anticuado porque o existente data da inauguración do propio campo hai uns trinta anos, e instalaranse puntos de alumeado.

O club de fútbol Victoria fundouse no barrio de Santa Lucía en 1943. É o club da cidade que máis futbolistas lanzou á elite do fútbol nacional. Posúe máis de 250 fichas de xogadores que compiten en equipos de diversas franxas de idade, desde iniciación a veteranos.

 

Calendario de propostas de novos títulos

A sesión de Consello de Goberno desta mañá aprobou tamén o calendario de novas propostas e modificacións de grao e mestrado para a súa implantación no curso 2020-2021. Para as novas propostas, o calendario comezará o 15 de febreiro coa declaración de intencións de presentación do novo título por parte da Xunta de Centro e rematará o 11 de novembro, como data límite para a incorporación das memorias dos títulos na sede electrónica e remisión da documentación ao MECD. As modificacións de títulos teñen como data de remate a mesma data, o 11 de novembro, pero o proceso iniciarase máis tarde, o 1 de marzo coa proposta de modificación pola Xunta de Centro.

A %d blogueros les gusta esto: