Deportes 01/29/2019

O Xulgado do Mercantil rexeita a demanda contra a reelección do presidente do Deportivo

by Victor Lamela

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña rexeitou a demanda presentada contra o Real Club Deportivo de La Coruña e, en consecuencia, absolveu ao club de todas as pretensións deducidas contra el polos demandantes, a quen impuxo as costas do procedemento. O xulgado, por tanto, deu validez á reelección de Tino Fernández como presidente da entidade. Respecto á solicitude de nulidade dos acordos adoptados no consello de administración celebrado o 29 de maio de 2018, a maxistrada indica que os demandantes tiveron coñecemento do acordo o 2 de xuño de 2018, polo que considera que “a acción de impugnación exercitouse fóra de prazo”.

O xulgado tamén rexeitou as peticións dos demandantes sobre o modelo de delegación de accións da convocatoria que fixo o club para celebrar a xunta na que resultou reelixido o órgano de goberno do Deportivo. Así, a titular do Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña salienta que o sistema de delegación do voto mediante un impreso normalizado “nin priva ao accionista de ningún dereito nin tampouco mingua a súa facultade de acudir á xunta representado, pois o sistema está perfectamente publicitado na convocatoria á xunta xeral e, ademais, como publicidade adicional remitíuselle carta desa convocatoria á xunta xeral a todos os accionista que manteñen os seus datos no libro de rexistro de accionistas actualizados”.

En consecuencia, a vulneración do “dereito” de representación do accionista, segundo a sentenza, “non se pode entender nin infrinxida, nin limitada, nin restrinxida”. O xulgado sinala que o sistema utilizado entra “dentro do ámbito de xestión e control do consello de administración, coa condición de que se respecten os orzamentos que a lei prevé para dar validez a esa delegación”.

A %d blogueros les gusta esto: