coruna 26/09/2020

Os lanzamentos executados en Galicia no segundo trimestre descenden un 87,4 % pola COVID-19

by Victor Lamela
  • A suspensión dos prazos procesuais como consecuencia da declaración do estado de alarma o 14 de marzo debido á crise sanitaria da COVID-19 provocou un descenso da actividade dos xulgados e tribunais galegos no segundo trimestre do ano, tal e como reflicte o informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’. O documento, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, evidencia que os lanzamentos practicados en Galicia entre o 1 de abril e o 30 de xuño experimentaron un descenso do 87,4 % con respecto ao mesmo período de 2019, ao pasaren de 657 a 83. No conxunto do Estado, os lanzamentos executados descenderon un 90,6 %.
     
    Dos rexistrados na comunidade autónoma, 10 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 140 que se realizaron por este motivo no mesmo período de 2019, o que supón unha baixada interanual do 92,9 %. Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos rexistráronse 70, un 86 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 501. Os lanzamentos enmarcados no apartado de “outras causas” pasaron de 16 o ano pasado a 3 no segundo trimestre de 2020.
     
    As execucións hipotecarias iniciadas en Galicia entre o 1 de abril e o 30 de xuño baixaron un 27,3 %. No segundo trimestre do ano presentáronse 125 procedementos que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peñor ou hipoteca ao acredor, fronte ás 172 do ano anterior. O número de asuntos relacionados con cláusulas chan ingresados nos xulgados da Comunidade Autónoma diminuíu no segundo trimestre do ano un 6,2 %, ao pasar de 956 a 896. Os procedementos en trámite descenderon un 7,6 %, pois a 30 de xuño quedaban 7.617, fronte aos 8.242 que había pendentes na mesma data do ano anterior.

    O estudo, ademais, reflicte que no segundo trimestre do ano os xulgados galegos ingresaron 27 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, fronte ás 32 do período anterior (un 15,6 % menos). En total, entre o 1  de abril e o 30 de xuño de 2020 resolveron 15 procedementos deste tipo e deixaron 65 en trámite.

    Segundo a estatística feita pública hoxe, tamén descende o número de concursos presentados nos xulgados do mercantil da Comunidade, pois pasaron de 68 no segundo trimestre de 2019 a 52, o que supón un descenso do 23,5 %. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei orgánica do poder xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia no segundo trimestre do ano 38 casos, fronte aos 46 que se iniciaron no mesmo período de 2019.

    En Galicia contabilizáronse no segundo trimestre do ano 10 expedientes do artigo 64 da Lei concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE), fronte aos 6 do período anterior. As 1.255 demandas por despedimento presentadas nos xulgados do social entre o 1 de abril e o 30 de xuño supoñen un descenso interanual do 7 %. O informe tamén revela un descenso dos procedementos monitorios interpostos no segundo trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia presentáronse 8.832, fronte aos 9.943 do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 4,2%.

    Os datos estatísticos completos correspondentes ao segundo trimestre de 2020 e as series completas desde 2007 están dispoñibles na seguinte ligazón:

    http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Efecto-de-la-Crisis-en-los-organos-judiciales/

 

A %d blogueros les gusta esto: