coruna 9th febrero 2019

Os produtos gastronómicos dos concellos protagonizan a presenza da Deputación da Coruña en Xantar

by Victor Lamela

O 20 Salón Internacional de Turismo Gastronómico acolle no programa deste sábado a conmemoración do Día do Turismo e arredor das xornadas de fin de semana desenvolverase un intenso programa de mostras e degustacións de produtos de calidade dos concellos presentados ao abeiro da Deputación da Coruña.

Do 6 ao 10 de febreiro desenvólvese o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que chega a súa vixésima edición como principal escaparate de produtos e eventos do sector. Durante as catro xornadas, a Deputación da Coruña mantén aberto o seu espazo en que se mostra unha variada oferta de produtos gastronómicos dos concellos da provincia.

Ademais, os espazos de showcookings acollen tamén propostas como a tortilla romana ou ceviche de raia de Muros-Noia ou o polbo de Mugardos que se inclúen no programa de sábado despois de que os pinchos irmandiños de Vimianzo formaran parte da oferta de xoves e o bolo do pote de Mazaricos do do venres. Outros produtos como o queixo da Capela, o pan e empanada de Carballo ou o polbo de Rois pódense degustar no propio stand da Deputación da Coruña que, como en edicións anteriores se ofreceu para abrir o seu espazo ás propostas dos concellos.

Ademais das degustacións, o espazo da Deputación da Coruña ofrece  información sobre as máis dun cento de festas e produtos gastronómicos que se celebran nas dezaoito comarcas da provincia.

“Xantar converteuse nun escaparate privilexiado de  turismo gastronómico no que a presenza dos concellos da Coruña supón xa un referente no sector”, destaca o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira para quen a riqueza gastronómica supón ” un importante atractivo para o turismo e unha chamada a que nos visiten e coñezan o territorio”.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que Xantar “representa unha interesante oportunidade para promover as propostas gastronómicas dos nosos concellos” e destacou o impacto de participación na única feira de turismo gastronómico galega que destaca “unha das nosas fortalezas turísticas que é o produto de calidade e a elaboración da nosa gastronomía que aposta tamén por unha maneira distinta de promocionar a nosa oferta turística”.

O 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, estase a desenvolver en Ourense desde o 6 e ata o 10 de febreiro e nas últimas edicións superou as vinte mil persoas visitantes. Nesta edición, Brasil, e concretamente Foz de Iguazú, onde están as famosas cataratas e segundo destino escollido polo turismo que chega a territorio brasileiro, é o país convidado de Xantar.

A %d blogueros les gusta esto: