coruna 12/02/2016

Os votos en contra de PP e PSOE evitan que o Goberno aprobe en Pleno a Ordenanza de Mercados “que posibilitaba sacar a concurso as 50 prazas baleiras demandadas pola cidadanía”

by Victor Lamela

Os votos en contra de PP e PSOE impediron que no Pleno Municipal dese o visto e prace a nova Ordenanza Municipal de Mercados, elaborada pola Concellería de Emprego e Economía Social e que conta co apoio de gran parte do sector. O proxecto de ordenanzas presentado polo Grupo de Goberno ­­e que contou co seu voto favorable e co do grupo municipal do BNG­­ posibilitaba entre outras medidas demandas polo sector a saída a concurso dos 50 postos baleiros que se atopan nos mercados municipais da cidade, ademais de regular a situación de todas as e os traballadores destas infraestruturas municipais e introducir cláusulas sociais na valoración dos distintos proxectos que se presentasen e que optasen a unha nova praza. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou o feito de que a pesar de que, en Pleno, o proxecto foi rexeitado por socialistas e populares de forma conxunta, a Comisión Informativa de Emprego e Economía Social apoiou á ordenanza. “O ditame foi favorable na comisión informativa grazas ao voto favorable do grupo de Goberno e o do BNG, así como a abstención do resto de grupos da oposición”, apuntou.

unnamed

O concelleiro de Emprego solicitou ao grupo socialista que indicase que os puntos do proxecto de ordenanzas de mercados nos que está disconforme, “xa que non informou nin fixo ningunha achega durante a comisión informativa”. En canto ao PP, o edil amosouse sorprendido da decisión final, trasladada pola nova portavoz municipal do grupo, Rosa Gallego, despois de que a concelleira Rosa Lendoiro traballase, na comisión, a prol da nova ordenanza.

Lema, indicou que o desexo do Goberno local pasou dende un inicio por “sacar a concurso os postos baleiros dos mercados municipais habendo antes regularizado a situación actual dos mesmos e dotando de seguridade xurídica aos chamados praceiros ‘en precario’ ou temporeiros mediante un proceso que os converte en concesionarios de pleno dereito, descontando do novo prazo concesional previsto de 35 anos, o tempo que xa levan na súa condición de traballadores nos mercados”. O proxecto de ordenanzas de mercados, de aplicación para o colectivo de precaristas e para os novos concesionarios, susténtanse sobre o dereito privado, como as anteriores de 2006. Deste xeito, desaparecerían figuras como a dos traspasos, propias do dereito privado, que agora serían substituídas pola transmisión. O concelleiro incidiu en que “as novas ordenanzas non modifican as actuais polas que se rexen a maioría das traballadoras dos mercados, senón que son de aplicación para os novos concesionarios e para os traballadores en precario”. “Máis adiante, cando queiran falar de diálogo e de consenso haberá que recordarlles o día de hoxe. Entendo que existen unhas lóxicas de partido que son as que obrigan ao PP e a PSOE a votar en contra, máis alá dos mercados”, indicou.

Achegas do sector

Lema incidiu en que o proxecto de ordenanzas foi debatido polo miúdo co sector das praceiras, “non só porque elas van a ser as principais afectadas por estas ordenanzas, senón porque entendemos que a súa é unha opinión especialmente cualificada sobre o tema”. Ademais, as diferentes achegas que se incorporaron a este texto foron debatidas cos grupos da oposición na Comisión Informativa de Emprego e Economía Social, no que, segundo destacou Lema, “as representantes do PP e do BNG, Rosa Lendoiro e Avia Veira, fixeron achegas importantes, de jeito que as ordenanzas que hoxe sometemos á aprobación do Pleno foron elaboradas dende o consenso dos grupos municipais”.

O concelleiro tamén comentou que as achegas do sector das praceiras se incorporaron na súa maior parte, quedando fóra unha, “pola súa dubidosa legalidade e xustiza política”. “Os e as concesionarias das prazas solicitaron establecer un momento cero para todos aqueles titulares que desexasen adherirse ás novas ordenanzas. Habilitar esa opción suporía, na praxe, unha adxudicación directa das prazas por 35 anos máis a aquelas concesionarias que así o desexen”, explicou o edil, que sostén que esta petición, se ben entendible, “vulnera o principio de libre concorrencia que debe rexer todas as concesións públicas”. Lema recordou, a esta respecto, que o 15 de maio de 1971 foi habilitado un momento cero nas prazas municipais da Coruña na que se lles outorgou aos titulares un prazo concesional de 50 anos. “A proposta do novo momento cero suporía, na práctica, estenderlles este dereito por 35 anos máis, ata un total de 85, unha proposta que a nós nos parece un agravio comparativo para o resto de titulares dunha concesión, non só do mercado de abastos”.

Por outro lado, entre os asuntos que se debateron este xoves no Pleno Municipal tamén destaca a toma de coñecemento da constitución da Comisión Especial de Reforma do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) e do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, así como a aprobación, por unanimidade, da aceptación dos estatutos da Asociación Rede Innpulso (ARINN) e a incorporación do Concello da Coruña como membro da citada entidade. A denominada Rede Innpulso está formada polos municipios que recibiron os distintivos de Cidade da Ciencia e da Innovación, por “ter realizado un esforzo en potenciar o coñecemento, así como as infraestruturas innovadoras e científicas, propiciando o cambio cara un modelo económico sustentable”. Entre as vantaxes de pertencer a esta rede, segundo explicou a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, “destaca o fomento e impulso dos proxectos colaborativos entre os municipios que se integren na mesma, así como a promoción internacional das Cidades da Ciencia e a Innovación en eventos relacionados con I+D+i”, así como a consideración preferente destas cidades tanto para a ubicación de instalacións científicas como para a organización de congresos e seminarios de organismos públicos de investigación. Vieito recordou que este ano “toca renovar o distintivo da Coruña como Cidade de Ciencia, polo que é importante aceptar os estatutos desta rede”.“Todo isto contribúe a imaxe da cidade como un concello de ciencias, á vez que nos axuda a optar a maiores axudas europeas”, indicou a responsable municipal. “O Goberno anterior non trouxo ao Pleno a súa incorporación a esta rede, a pesar de que a nosa non incorporación a este organismo pode derivarse en moitas oportunidades perdidas”, apuntou.

Outro dos asuntos que se tratou no Pleno, e que contou co visto e prace de todos os grupos, foi a aprobación dunha modificación no Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) de 2013 da Coruña para a incorporación no Catálogo do Patrimonio Cultural de elementos protexidos a protección do Camiño Inglés a Compostela e os restos arqueolóxicos atopados na zona do Castrillón durante as obras de construción do complexo deportivo do barrio. Esta modificación xa foi aprobada en Xunta de Goberno local, aínda que precisaba ser referendada polo Pleno. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indicou que “é necesario coidar o patrimonio da Coruña” que na súa opinión non foi ben tratado con anteriores Gobernos “como se pode ver co que está a ocorrer agora coa Casa de Paredes ou terreos da Solana”. “A intención deste Goberno é cambiar a forma de entender e de coidar o patrimonio desta cidade que houbo ata agora, e a iniciativa que traemos hoxe a Pleno é unha mostra diso”, salientou. “A xente ten que entender que todo o que facemos é en favor do interese xeral, e desta forma evitamos tamén ter que facer fronte a multas de Patrimonio, cousa que xa ocorreu no pasado, con anteriores executivos”, expuxo.

A %d blogueros les gusta esto: