Conciertos 01/16/2019

Patti Smith, primeira cabeza de cartel confirmada no Festival Noroeste Estrella Galicia 2019

by Victor Lamela

O 33o Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou a súa primeira cabeza de cartel que actuará na Praia de Riazor este verán. Patti Smith fará vibrar a miles de persoas no areal da baía herculina acompañada da súa fiel banda, xunto á cal interpretará algúns dos seus temas máis míticos, que forman xa parte da historia universal do rock, como People Have the Power, Gloria ou Because the Night, entre moitos outros.

Aos seus enérxicos 72 anos, a aclamada “madriña do punk” norteamericana aterrará no Noroeste Estrella Galicia o venres 9 de agosto, a partir das 23.30h, no que é o seu único concerto gratuíto confirmado polo momento para este verán en España.

Considerada como a máis grande poetisa da música estadounidense, Smith fará un repaso dos mellores discos das súas máis de catro décadas de traxectoria, desde o icónico Horses (1975) ata o seu último traballo, Banga, editado en 2012.

PATTI SMITH AND BAND. Nada en Chicago en 1946, Patti Smith mudouse a Nova York en 1967, cidade na que coñeceu a Robert Mapplethorpe, fotógrafo responsable da portada do seu primeiro e icónico traballo Horses. Editado en 1975, Horses está considerado como un maiores e máis influentes álbums da historia do movimento punk-rock americano. A obra, que tamén marcou a transición do clásico rock ao punk, é igualmente citada como unha influencia fundamental de sucesivos xéneros coma o punk-rock, o post-rock e o rock alternativo.

A polifacética artista, aclamada universalmente como “madriña do punk”, traza un sólido camiño en cada vertente cultural que decide experimentar. Poetisa, cantante, fotógrafa, escritora e compositora, Patti Smith gañou en 2010 o National Book Award estadounidense co seu libro de memorias Just Kids. Ademais de membro do Rock and Roll Hall of Fame, a gran poetisa da música norteamericana foi condecorada co título Commandeur des Arts et des Lettres polo Ministerio de Cultura Francés. Asimesmo, grazas á súa entrega e dedicación ao universo cultural, a artista recibiu innumerables premios honorarios e homenaxes ao longo da súa lonxeva carreira, que abarca máis de catro décadas.

A %d blogueros les gusta esto: