Uncategorised 22/09/2020

Pere Navarro mostra o seu apoio ao novo proxecto de mobilidade do Goberno de Inés Rey

by Victor Lamela

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá, acompañada do concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, do director da Dirección Xeral de Tráfico, Pere Navarro, e da delegada en Galicia de STOP Accidentes, Jeanne Picard, a exposición da devandita asociación “Peón, non atraveses a túa vida” na Estación de Autobuses da Coruña. Pere Navarro mostrou publicamente o seu compromiso co proxecto de mobilidade do Goberno local da Coruña, “cara a unha cidade máis limpa, máis silenciosa, humana e razoable”. O obxectivo da Mesa da Mobilidade é “que toda a cidadanía participe na mobilidade, ten que sentila súa” e necesítase “un certo acordo de todas as partes para redistribuír o espazo viario”.

A continuación, camiñaron ata a rúa Alcalde Marchesi, no barrio de Catro Camiños, para visitar as actividades para as nenas e nenos que a asociación está a organizar nesta vía con motivo da Semana Europea da Mobilidade.

A rexedora anunciou que o concello presentaralles mañá o proxecto definitivo de peonalización de Alcalde Marchesi aos medios de comunicación e á veciñanza e comerciantes desta rúa. O obxectivo, asegurou, “é que as rúas deixen de ser superficies de aparcamentos e se convertan en verdadeiras vías públicas de uso cidadán”. Esta é unha iniciativa que lles permitirá ás persoas “gozar do espazo público, facer deporte e, en definitiva, pasar da concepción de peón a cidadán, aquel que desfruta da súa cidade baseándose en obxectivos de desenvolvemento sustentable”. Os comerciantes e a veciñanza, asegura a alcaldesa, “xa estaban encantados coa peonalización provisional que realizamos no Nadal e pedíronnos que a mantivésemos”. É por iso que o Goberno local retomou a humanización desta vía a consecuencia da crise da COVID-19, xa que, sinala a rexedora, “a pandemia trouxo moitas cousas malas, pero o cambio na percepción do espazo público e o poder aproveitar esta oportunidade para que a cidadanía gañe espazo de calidade émoi positivo”.

A alcaldesa agradeceulle a Pere Navarro a súa visita á cidade na Semana Europea da Mobilidade, que o concello está “poñendo en valor e anunciando todas as medidas que puxemos en marcha durante o primeiro ano de mandato”, como “a ordenanza de mobilidade, para a que estamos dialogando con todos os sectores afectados co fin de que todas as partes contribúan con achegas e para que sexa un documento consensuado”, e tamén “Coruña 30, as novas humanizacións e peonalizacións na cidade, o carril de corredores/as que se gañou para as persoas deportistas no Paseo Marítimo e o iren todos xuntos pouco a pouco cara a unha mobilidade branda, máis sustentable e segura”.

Referíndose á recente peonalización da rúa Emilia Pardo Bazán, Rey explicou que se trata dun “proxecto piloto” e “que se está a estudar como funciona”, para ter un proxecto definitivo que se lles presentará, “como se está facendo sempre” aos veciños, veciñas e comerciantes da rúa. “Desde logo o que nos chega ao Goberno local é que a xente de Emilia Pardo Bazán está contenta con esta peonalización e encantada de poder desfrutar da rúa”, dixo.

A %d blogueros les gusta esto: