coruna 11/01/2019

Presentan a exposición ‘Máis Nunca Máis’

by Victor Lamela

A programación da iniciativa ​Máis Nunca Máis recolle a creación artística e popular xurdida tras a catástrofe do petroleiro ​Prestige ​nunha exposición que acollerá o espazo municipal de exposicións no Palexco dende o día 17 de xaneiro. Esta mostra, que conta coa colaboración do Concello e está impulsada polo colectivo Unha gran burla negra, estará acompañada tamén por unha serie de charlas e mesas redondas que comezan mañá venres coa conferencia do filósofo e investigador Amador Fernández-Savater no Paraninfo da Universidade. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que estivo acompañado do coordinador do proxecto, Jorge Linheira, e dun dos comisarios da exposición, Pepe Galán, salientou na presentación da programación o carácter “ambicioso dunha exposición que amosa o sentir dun acontecemento relevante da nosa historia recente e das súas actividades complementarias. “Iniciativas destas características que permiten promover e rehabilitar parte da nosa memoria recente e tamén informar sobre sucesos que foron deliberadamente esquecidos por moitos, ademais de estar acompañadas por toda unha vertente artística e cultural indiscutible que lle dá maior solidez á proposta”, manifestou.

O proxecto naceu coma unha acción colectiva para investigar e poñer en valor toda a creatividade popular e artística que se deu nos meses posteriores á catástrofe do ​Prestige​, tal e como explicou Linheira. “Un dos aspectos que nos interesa é estudar a acción creativa nos procesos de mobilización social e cidadá, xunto ás revolucións culturais, que será un dos temas principais na conversa de mañá de Amador Fernández-Savater”, avanzou. A charla, titulada ​Unha mutación antropolóxica: imaxes e prácticas da revolución cultural,​ terá lugar o venres 11 ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade da Coruña. Antes, proxectarase a curtametraxe documental Unha gran burla negra, unha sorte de “arquivo vivo” que recolle moitos dos materiais que se produciron nos anos posteriores ao afundimento do petroleiro.

A exposición abrirase á cidadanía o día 17 ás 19.30 horas en Palexco, onde permanecerá ata o 3 de marzo. A mostra, que está deseñada polo colectivo Radio Buguina, está centrada “nun maremagnum de imaxes, preto de 1.500” que están montadas en movemento, grazas a 20 proxectores, como explicou Pepe Galán, un dos comisarios da mostra xunto con Pepe Barro e Anxo Varela. Entre elas, haberá lembranzas para os e as voluntarias non só de profesionais, as e os representantes políticos da época “coas frases máis esperpénticas que puidemos escoitar” e tamén para as manifestacións que se realizaron dende a catástrofe. A apertura da mostra terá como acto inicial unha palestra na que intervirán algunhas das persoas protagonistas do movemento Nunca Máis como foron Manuel Rivas, Uxía Senlle, Felipe Lourán e Suso de Toro. Será ás 20 horas o día 17 na propia sala de exposicións do Palexco.

As actividades complementarias á mostra péchanse o día 24 de xaneiro cunha mesa redonda titulada ​O Nunca Máis como fin do réxime fraguián. Dezaseis anos dun vergoñento consello de ministros, que se celebrará no salón de plenos do Concello ás 19.30 horas. “A data e lugar escollido coincide co aniversario do consello de ministros extraordinario de Aznar e os seus ministros, varios deles a día de hoxe no cárcere, e con Paco Vázquez facendo de anfitrión”, explicou Linheira. Na mesa participarán os xornalistas Xosé Hermida, José Precedo e Comba Campoy, que abordarán temas como o papel dos medios de comunicación ou as consecuencias políticas da xestión da catástrofe.

A %d blogueros les gusta esto: