coruna 02/06/2020

Profesores e alumnos da Universidade da Coruña acadan tres Premios de Investigación Sociedad Científica Informática de España-Fundación BBVA

by Victor Lamela

A empresa Torusware, xurdida da iniciativa dos profesores da Universidade da Coruña Ramón Doallo, Juan Touriño e Guillermo López, así como os alumnos, xa titulados, Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva veñen de ser recoñecidos con tres Premios de Investigación Sociedad Científica Informática de España (SCIE)-Fundación BBVA.

Os Premios Nacionais de Informática, unha das modalidades dos Premios de Investigación concedidos anualmente pola SCIE e a Fundación BBVA, constitúen os galardóns máis prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñaría Informática. Estes premios están dirixidos a recoñecer o labor de investigadores, entidades públicas e privadas na área da informática que dedican a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.

A empresa participada pola UDC Torusware gañou o Premio Ramón Llull “pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta pola I+D+i e polo seu impacto nacional e internacional”. Torusware está especializada na análise, deseño e implantación de plataformas de alto rendemento para análise de datos e calidade de software en ámbitos de servidores corporativos e na nube. Axuda ás compañías a extraer valor ben dos seus datos, ben de proporcionar software de calidade con melloras máis frecuentes e menos fallos mediante a análise do comportamento do software. Para a empresa, explica un dos seus cofundadores Guillermo López Taboada, este premio “supón o recoñecemento a nosa aposta pola especialización, posto que nos dedicamos a proxectos moi específicos de alto valor engadido”. Tanto o profesor López como Doallo e Touriño son investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores na Facultade de Informática e desenvolven a súa investigación no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC.

Ademais, entre outros premiados, a Sociedad Científica Informática de España e a Fundación BBVA recoñeceron aos alumnos da Facultade de Informática, xa titulados, Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva na modalidade de Premios Investigadores Jóvenes Informáticos.

Adrián Pérez Diéguez foi premiado “polas súas aportacións á computación de altas prestacións (HPC) que permiten procesar grandes volumes de datos (Big Data) mediante a adaptación de algoritmos para a súa execución en arquitecturas heteroxéneas”. Este premio é o resultado da súa investigación no período de doutoramento na UDC entre os anos 2014 e 2018 no eido da Computación de Altas Prestacións, concretamente nas tarxetas gráficas. “Na investigación levada a cabo, ofrécese un xeito eficiente e sinxelo de executar moitas operacións informáticas complexas pero moi comúns en diversas disciplinas, sobre tarxetas gráficas das que fan uso os supercomputadores modernos pensados para procesar grandes volumes de datos. Así, calquera científico ou programador pode facer uso destas operacións sen ter coñecemento específico en tarxetas gráficas,  resultando en que diferentes operacións BigData, das comunicacións e da Intelixencia Artificial poden executarse moito máis rápido e contribuír así de cara ao avance tecnolóxico da sociedade”, explica o doutor en Enxeñaría Informática Pérez Diéguez quen resalta que “este mérito é compartido cos meus directores de tese e a xente do Matsuoka Lab do Tokyo Institute of Technology, centro onde fixen dúas estancias, pois todos eles aportaron coñecemento na miña investigación”. Desde febreiro de 2019 traballa como Digital-Marketing Data Lead en Zara.com (Inditex).

Daniel Valcarce Silva, Software Engineer en Google foi recoñecido “polas súas aportacións no campo da recuperación de información e os sistemas de recomendación, que se reflicten nas súas publicacións de primeiro nivel, e que o levaron a formar parte dun equipo internacional que traballa na mellora de asistentes personais utilizando técnicas de linguaxe natural e aprendizaxe automática”. Este premio pon en valor a súa tese de doutoramento no campo da recuperación de información e os sistemas de recomendación. Segundo explica Valcarce, “a recuperación de información estuda como organizar e buscar en grandes cantidades de datos como fan, por exemplo, os motores de procura web. Doutra banda, os sistemas de recomendación proporcionan suxestións baseadas nos gustos dos usuarios. As plataformas de vídeo, de música ou de comercio electrónico fan un uso extensivo destes sistemas de recomendación. A miña tese centrouse en explorar nexos de unión entre ambas as dúas disciplinas para desenvolver algoritmos máis precisos ou máis eficientes computacionalmente”. O doutor en Enxeñaría Informática engade que esta distinción “non só é froito do meu esforzo persoal senón que tamén recoñece o gran labor investigador do IRLab [Information Retrieval Lab], grupo de investigación da UDC onde realicei a miña tese”.

 

Facultade de Informática

A Facultade de Informática da UDC acada con esta edición, seis Premios Nacionais de Informática. A profesora Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática do departamento de Computación e directora do Laboratorio de Bases de Datos foi galardoada con Premio Ángela Ruiz Robles nos Premios Nacionais de Informática 2019. 

Na edición de 2018 o investigador Ramón  Doallo  Biempica, catedrático da área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadoras, recibiu o Premio Nacional de Informática xunto co alumno David Vilares Calvo que conseguiu o Premio Joven Investigador.

Foto 1: Adrián Pérez

Foto 2: Daniel Valcarce

A %d blogueros les gusta esto: