Uncategorised 07/04/2020

R colabora coa Xunta para que familias de poucos recursos sigan coa actividade educativa telematicamente

by Victor Lamela
  1. R uniuse á iniciativa da Xunta, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), para evitar que familias sen recursos queden atrás durante a crise do coronavirus, nun escenario de grande incerteza tamén a nivel educativo.

    Co alumnado confinado nas súas casas dende hai máis de dúas semanas e ante a posibilidade de que haxa que completar o curso, total ou parcialmente, por medios telemáticos, a administración galega pon en marcha esta acción para que un total de 1.000 familias reciban -cada unha delas- un ordenador, e poidan conectarse gratuitamente á rede coa idea de acceder canto antes a contidos e comunicacións académicas. O obxectivo é lles facilitar o seguimento do curso escolar e lles garantir aos/as alumnos/as máis desfavorecidos/as un apoio inmediato a través de ferramentas tecnolóxicas que lles permitirán traballar en liña nas súas casas.

tarxetas SIM e wificlientes R aberto para centenares de estudantes

R implicouse na medida da administración autonómica, dirixida a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, coa achega de 200 tarxetas SIM de 50 gigas cada unha delas para facilitar a conexión do alumnado á rede. Ademais, o operador galego abre wificlientes R, a maior rede wifi de Galicia, a 300 novos/as usuarios/as deste grupo seleccionado de familias con menos recursos que poderán, desta maneira, navegar e conectarse dende calquera dos máis de 130.000 puntos wifi situados en espazos abertos ao longo e ancho da xeografía de Galicia.

R cos clientes, cos profesionais, coa sociedade galega

Con ese obxectivo primeiro de axudar á poboación para soportar as restricións impostas polo estado de alarma, R impulsou nas últimas semanas algunhas outras accións que manteñen o foco na mellora da calidade dos seus servizos e en garantir, por enriba de todo, a seguridade das persoas. Entre estas medidas están, por exemplo:

_Abrir a súa aplicación de televisión tv comigo para todas as persoas hospitalizadas, sexan ou non clientes de R

_Ofrecer en aberto e sen custo aos seus clientes todas as súas canles infantís.

_Abrir todas as súas canles especializadas de cinema sen custo adicional.

_Ofrecer aos seus clientes de móbilR un bono gratuíto mensual de 30 gigas.

_Aumentar a capacidade de datos de clientes con casuísticas especiais.

_Fomentar o teletraballo: case o 100% dos seus profesionais traballan nestes momentos dende as súas casas.

Ademais, o pasado 15 de marzo R asinou, xunto ao resto de operadores de telecomunicacións nacionais, un acordo para aconsellarlle ao conxunto da poboación sobre o uso máis racional das redes durante o período de confinamento. E cinco días despois rubricou outro compromiso coas compañías do sector e o Goberno de España para garantir a conectividade de persoas e empresas.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia para axudar a familias desfavorecidas durante o estado de alarma, á que R se uniu xunto a outros operadores, é unha suma e segue ao que o operador galego ten intención de lle dar máis percorrido, se cabe, para tentar, entre todos/as, superar canto antes a crise sanitaria.

#EuQuedoNaCasa

A %d blogueros les gusta esto: