Fiestas 30/05/2019

Regresa o Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM 2019 da man do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia

by Victor Lamela

O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que en 2019 celebra a súa 21a edición. O certame alcanza este ano unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, que será de 4.500 euros. Poderán presentarse bandas e solistas de todo o estado español cun máximo de 15 cancións propias editadas. O certame contará con dúas fases diferenciadas: na Fase Exclusiva para Bandas Galegas é posible participar desde hoxe ata o domingo 30 de xuño ás 14.00 horas. As tres bandas galegas gañadoras desta sección actuarán na Praia de Riazor

como teloneiras dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia o venres 9 e o sábado 10 de agosto. Polo menos unha delas será coruñesa e alzarase co Premio á Mellor Banda Local, que ten ademais unha recompensa en metálico de 1.000 euros. As outras dúas bandas gañadoras recibirán unha remuneración de 900 euros. Os nomes das tres bandas galegas gañadoras que participarán no Noroeste Estrella Galicia 2019 faranse públicos, como moi tarde, o día 15 de xullo.

Pola súa banda, o prazo para a inscrición das bandas e solistas de fóra de Galicia ou de Galicia que non desexen participar nesta Fase Exclusiva, senón na Batalla de Bandas de Cuac FM (que se celebrará o sábado 28 de setembro na Sala Mardi Gras da Coruña), finalizará o sábado 20 de xullo ás 14.00h. O primeiro premio estará dotado con 800 euros e, o segundo, con 600 euros.

Ademais, este 2019 convócase tamén o Premio á Mellor Canción en Galego, cunha recompensa de 300 euros, que é compatible co resto de galardóns da convocatoria.

As inscricións realizaranse a través do formulario on line https://cuacfm.org/asociacion-cuac/cuacfm/xxi- concurso-de-bandas-e-solistas-cuacfm-2019/. O requisito de participación é enviar dúas cancións propias, en MP3 ou en formato físico. Pódense consultar as bases completas aquí. A organización resolverá as posibles dúbidas a través de concursobandas@cuacfm.org.

Unha vez pechado o prazo de recepción de temas, un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorará, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, e emitirá o seu veredicto.

En 2018, os e as gañadoras da pasada edición do Concurso de Cuac FM que participaron no 32o Festival Noroeste Estrella Galicia foron Elman, Tunduru, The Soul Breakers e LOLA. O obxectivo do concurso será, un ano máis, “fomentar a cultura musical na nosa contorna, otorgándolle valor engadido á música local”.

A %d blogueros les gusta esto: