coruna 7th abril 2018

Rocío Fraga reclama, nun encontro con concellos de todo o estado, “un financiamento adecuado para que as administracións locais poidan previr e dar resposta ás violencias machistas”

by Victor Lamela

​A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participa en Madrid, no Foro de Municipios polo Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero, organizado polo concello madrileño en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). No marco do mesmo, a responsable municipal reivindicou “o papel das entidades locais como primeira liña de defensa e resposta ante as violencias machistas”, motivo pola cal reivindicou “a necesidade dun financiamento adecuado por parte do goberno central que, polo momento, non se percibe no seu proxecto de orzamentos estatais”. O citado foro ten como obxectivo analizar “o papel dos concellos, as súas necesidades e a súas obrigas logo da aprobación en setembro do pasado ano do Pacto Estatal en materia de Violencia de Xénero, que abriu a vía directa de financiamento aos concellos en mareria de prevención ante as violencias machistas, pero que tamén trouxo consigo unha sería de desafíos que requiren dunha actuación conxunta por parte dos concellos de cara a manter unha interlocución continuada co executivo central”, apuntou a concelleira.

“Os concellos imos a asumir as nosas obrigas, porque a loita contra as violencias machistas é o obxectivo de calquera goberno con responsabilidade, pero o resto de administracións tamén debe facelo. O proxecto de orzamentos do Estado é un despropósito xa que non cumpre o acordado, que xa era bastante pouco”, comentou a titular de Igualdade esta tarde, na súa intervención nun foro ao que tamén acudiron representantes dos municipios de Barcelona, Málaga, Bilbao, Salobreña, Sevilla e Valencia, ademais do propio concello de Madrid. A este respecto, Fraga aludiu á situación da Rede de Acollemento a Mulleres e Menores Vítimas das Violencias Machistas na Coruña, do que o Concello asume o 58,37% de gastos totais, mentres que a Xunta financia o 12,8% e a Deputación o 28,78% en bae a convenios nominativos anuais.

“Os concellos estamos facendo unha aposta decidida na loita contras a violencias machistas que o resto de administracións debe igualar”, dixo a edil, que recordou como o Concello da Coruña incrementou o ano pasado un 22% os fondos destinado a actividades para o fomento da educación en igualdade, con charlas e talleres nos que participaron 4.143 menores e 29 centros. Ademais, Fraga recordou que esta mesma semana, inaugurouse a Escola de Empoderamento Feminista, que levará a distintos barrios da cidade unha programación que comeza este mesmo abril, e que, neste momento, o Concello da Coruña ten como obxectivo impulsar unha ordenanza municipal para o fomento da igualdade dentro da administración, asi como aborda a segunda fase do Pacto Social polas Violencias Machistas, un proceso social participativo e pioneiro na Coruña que agora se centra na creación de follas de ruta, formación e declaración de espazos libres de violencias machistas na cidade. “O executivo central debe amosar, dunha vez por todas, que realmente está comprometido na loita contra as violencias machistas e, dende logo, iso non pasa por afogar aos concellos, senón por dotalos de fondos e ferramentas para actuar”, dixo.

A %d blogueros les gusta esto: