coruna 10/22/2019

‘S.E.X’ lánzase á rede como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade na adolescencia

by Victor Lamela

A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paidea, vén de lanzar na rede a webserie S.E.X. como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. Esta iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, preséntase como un proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes a través de diversas accións entre as que se inclúe unha canle de Youtube na que se publicará unha serie de seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade. 

Deste xeito, cada unha das entregas tratará aspectos fundamentais para a adolescencia neste sensible campo para a configuración da identidade emocional: dende a atracción sexual e a diversidade (heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual, asexual, etc.) até os cambios corporais, pasando polas falsas crenzas, polos estereotipos de xénero ou polo tratamento crítico dos ideais románticos. Así o adiantaron esta mañá en rolda de prensa o deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño; Sabela Iglesias e Adriana P.Villanueva, da produtora Illa Bufarda; e Vanessa Rodríguez Pousada, de ASEIA.

A webserie S.E.X., protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire, estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube (https://www.youtube.com/sexwebserie) e lanzará un novo vídeo cada mes. Esta será a primeira tempada dunha serie que contará tamén cunha consultoría na que se interaccionará co público tanto con conversas en aberto, como dando a posibilidade de que as mesmas se realicen a través do correo (sexwebserie@aseiagalicia.gal). A consultoría estará desenvolvida por profesionais da Psicoloxía, Educación e Saúde especializados/as en Educación Sexual. Tamén se utilizarán como  canles de difusión e contacto coa poboación adolescente o Instagram (@s.e.x._webserie). Ademais da webserie, o proxecto S.E.X. inclúe a difusión por diferentes institutos da provincia da Coruña con encontros co alumnado que contarán coa participación de profesionais da educación sexual de ASEIA, así como con membros do elenco de S.E.X. 

Entre os obxectivos deste proxecto de educación sexual atópanse a necesidade de introducir a perspectiva feminista na educación sexual dos/as adolescentes como modo de promover a igualdade de xénero, a difusión de elementos básicos de saúde e prevención ante condutas de risco, a promoción do respecto cara á diferencia, o entendemento da sexualidade como un proceso humano que implica a aceptación en pé de igualdade da diversidade, a clarificación de dúbidas, mitos e medos como parte do proceso de descuberta da propia sexualidade e do pracer ou o tratamento crítico dos ideas románticos.

Illa Bufarda

Illa Bufarda nace no ano 2012 como un proxecto cultural, sensible e comprometido coa promoción e a divulgación da cultura dende un eido ben definido: a linguaxe audiovisual. Este proxecto está integrado por Adriana Pérez Villanueva e Sabela Iglesias Reviejo, comunicadoras audiovisuais con estudos en animación, deseño e fotografía. Entre o seu traballo audiovisual destacan pezas como Aberto e con fume, longametraxe documental de 2018 para a Comunidade de Montes de Tameiga e CSCD As Pedriñas; Patrimonio Habitado, longametraxe documental de 2016 sobre patrimonio inmateriais no Xurés; Fíos Fóra, longametraxe documental de 2015 sobre historias de obreiras entre costuras e patróns. Illa Bufarda, dende os seus incios, ten desenvolvido diferentes formacións creativas empregando o audiovisual como ferramenta de transformación social.

Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia

ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) nace en marzo de 2012 motivada pola crecente preocupación dun grupo de profesionais ante a complexa realidade da infancia e da adolescencia no momento que vivimos. Está formada por un equipo de traballo interdisciplinar procedente de diferentes ramas do coñecemento: Psicoloxía, Pedagoxía, Educación, Traballo Social, Medicina. ASEIA foi declarada Entidade de Interese Público pola Xunta de Galicia o 18 de maio de 2017, e forma parte do Consello de Saúde do Concello de Ourense e do Consello Asesor de Pacientes do SERGAS. 

A %d blogueros les gusta esto: