coruna 08/09/2016

Silvia Cameán recorda que o Concello “seguirá sempre traballando para poñer fin aos desafiuzamentos, así como evitar que veciños e veciñas desta cidade poidan quedar na rúa”

by Victor Lamela

“O Goberno local da Coruña traballa e seguirá traballando para evitar que nesta cidade se produzan desafiuzamentos, e para impedir, na medida en que teña coñecemento, que existan familias que queden na rúa por esta causa o pola falta de acceso a unha vivenda. O mesmo compromiso que estamos a amosar dende esta administración local é a que demandamos ao resto de institucións e entidades con competencias na materia”. Así se manifestou este mércores a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que tildou de “alarmantes” os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) que indican que no conxunto de Galicia leváronse a cabo, no segundo trimestre do ano, 1,3 execucións hipotecarias ao día. A responsable municipal insistiu na necesidade de que as distintas administracións poñan todas as medidas da súa parte para evitar estas situación e, “se existe unha imposibilidade, polo menos que sexamos quen de garantir que non vai haber persoas que queden nunha situación de rúa de total vulnerabilidade”.

A edil insistiu en que “así o está a facer o Goberno local dende o primeiro día”, á vez que recordou numerosas medidas impulsadas para atallar as situacións de vulnerabilidade social, “sendo a máis destacada a posta en marcha da Renda Social Municipal, unha cobertura económica, acompañada de itinerarios formativos, que trata de garantir que as persoas en risco de exclusión social vexan cubertas as súas necesidades máis básicas, o que tamén implica, que reciban axudas para o mantemento das súas vivendas”. Ao fío, Cameán tamén recordou que, entre outras medidas, o seu departamento de Goberno puxo en marcha, nada máis chegar a María Pita, un Programa de Aloxamentos Temporais, destinado a que ningunha persoa que veña de sufrir un desafiuzamento quede na rúa, “que colleitou un significativo éxito”, así como medidas para paliar a pobreza enerxética, ou os servizos sociais de atención inmediata. “É necesario non só tratar de impedir os desafiuzamentos, senón acompañar as persoas que están sufrindo o trámite dunha execución hipotecaria, ou que se atopan con grandes dificultades para acceder a unha vivenda”, comenta a concelleira, quen recordou o proceso de asesoramento e acompañamento que levaron a cabo os servizos sociais do Concello coas catro familias con menores a cargo que residían de forma non regulada en vivendas propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Novo Mesoiro. “En todos os casos levouse e estase levando unha tarefa de acompañamento por parte das traballadoras de servizos sociais do Concello para que estas familias puidesen atopar un emplazamento adecuado, e facilitar que tiveran acceso ás prestacións ás que legalmente teñen dereito”, comentou.

A %d blogueros les gusta esto: