coruna 08/11/2019

Silvia Penide, Os Amigos dos Músicos e Joe Crepúsculo pechan este domingo o 33º Festival Noroeste Estrella Galicia

by Victor Lamela
O Festival Noroeste Estrella Galicia afrontará este domingo a derradeira xornada da súa 33ª edición.  Logo de seis días nas que a cita, organizada polo Concello da Coruña, encheu de música as rúas e prazas da cidade Coruña, artistas coma Silvia Penide, Os Amigos dos Músicos ou Joe Crepúsculo actuarán na xornada de peche do festival, que terá lugar mañá no parque do Paseo das Pontes. O espazo acolle esta fin de semana a celebración do Mercado da Colleita, unha romaría popular contemporánea na que se dan cita propostas musicais de diversos estilos e actividades para todos os públicos. 

 
Así, a partir das 13.00 horas da mañá, e até a noite, celebrarase unha sesión ininterrompida de diversos estilos musicais na que tamén participarán artistas coma Bart Davenport, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Ñaco Goñi acompañado por Marian Ledesma & Tinaquero Brothers e o proxecto DJ Inclusivo, unha proposta de inclusión social e cultural que a Asociación Cultural Negus pon en marcha coa Fundación Emalcsa, no marco do programa Cultura Accesible e Inclusiva que impulsa o Concello da Coruña. Estas pinchadas, nas que persoas con diversidade serán protagonistas, abrirán a xornada festiva e servirán de enlace entre as distintas actuacións que se sucederán ao longo do domingo. 
 
Na hora do aperitivo, ás 13.30 horas, a cantautora local Silvia Penide presentará o seu sétimo e último álbum, El efecto boomerang, un disco no que a cantautora local celebra 15 anos de traxectoria musical. Ás 15.00 horas a banda conformada por Marian Ledesma e os irmáns Tinaquero, Juan e Miguel, encherán de blues o parque acompañados por unha lenda deste estilo musical, como é Ñaco Goñi. Xuntos ofrecerán unha sesión única que será unha auténtica xoia para todos os públicos. Contra ás 16.30 horas o músico californiano Bart Davenport subirá ao escenario do Paseo das Pontes, nun concerto no que o artista revisará os seus últimos traballos discográficos. 
 
A partir das 18.00 horas terán lugar os últimos concertos do 33ª Festival Noroeste Estrella Galicia. O primeiro deles chegará da man de Os Amigos dos Músicos, unha sesión na que a banda galega, que bebe da tradición folk rock do país, dará a coñecer o seu novo disco, Segundo fogar.  Contra ás 19.15 horas os sevillanos Derby Motoreta’s Burrito Kachimba ofrecerán un espectáculo aderezado con rock e psicodelia e, finalmente, o gran Joe Crepúsculo pechará o festival ás 20.30 horas coa presentación do seu álbum 10, no que o creador pon en valor os seus dez anos de traxectoria musical, única e imprescindible, ateigada de temas cos que o público non poderá deixar de bailar no Paseo das Pontes. 
 
A segunda xornada do Mercado da Colleita, unha iniciativa de transformación social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera, abrirá a as súas portas ás 12.00 horas. Dende entón acollerá a celebración de catas de sidras Maeloc e de infusións (ás 16.00 e ás 20.00 horas), ademais de obradoiros de elaboración de queixos (13.00 horas), de pan (14.00, 17.00 e 20.00 horas), así como de cultivo dun horto ecolóxico (18.00 horas), combinados con gran número de presentacións sobre proxector de valor do rural e charlas divulgativas na zona de Parladoiros. Tamén haberá iniciativas vinculadas á concienciación e sensibilización ambiental, como a reciclaxe con caixas de cartón ‘kraft’ (de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas), preparación de camisetas Tie Dye con tinturas naturais (de 16.00 horas a 20.00 horas) ou práctica de skateboarding cunha rampla reciclada (12.00 e 16.00 horas). Os xogos tradicionais estarán presentes durante toda a xornada, así como actividades gastronómicas dirixidas, especialmente, ao público infantil. 

AXENDA DO DOMINGO 11 DE AGOSTO NO PARQUE DO PASEO DAS PONTES
 
13.00 horas – DJ Inclusivo
13.30 horas – Silvia Penide
14.30 horas – DJ Inclusivo
15.00 horas – Ñaco Goñi + Marian Ledesma & Tinaquero Brothers
16.00 horas – DJ Inclusivo
16.30 horas – Bart Davenport
17.30 horas – DJ Inclusivo
18.00 horas – Os Amigos dos Músicos
19.15 horas – Derby Motoreta’s Burrito Kachimba
20.30 horas – Joe Crepúsculo


ARTISTAS DO DOMINGO 11 DE AGOSTO

 
13.00 horas. DJ Inclusivo. O proxecto DJ Inclusivo parte da proposta que a Asociación Cultural Negus desenvolver no marco do programa de Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa. Dous experimentados DJ’s da escena galega coordinan esta iniciativa na que participan persoas con discapacidade intelectual, física, en risco de exclusión social e colectivos de inmigrantes, a quen lles ensinan, en diferentes talleres, nocións musicais e técnicas de DJ para mostrar as súas propias sesións en público. Sen dúbida, DJ Inclusivo é unha maneira de poñer en valor a música como canle de comunicación entre as persoas e unha ferramenta para derrubar prexuízos.
 
13.30 horas. Silvia Penide. A autora e intérprete coruñesa conecta co público coas súas cancións directas que levan sonando desde 2002 e acumulando grandes críticas e mencións en medios especializados como Mondo Sonoro, Rolling Stone ou Radio3, entre otros. Tras compartir escenario con artistas do talle de Annie B. Sweet, Mäbu ou Mercedes Peón en 2016 estrea Todo pintado de plata, un traballo que lle leva a gañar o ‘Premio Martín Códax da Música Galega’ na categoría Pop/Indie e a formar parte do circuíto madrileño de concertos. En abril de 2019 edita o seu sétimo disco de estudo El efecto boomerang, unha nova colección de temas sensibles e reflexivos, que chega tras celebrar quince anos de carreira musical. Cada directo de Silvia Penide é unha experiencia que achega felicidade, de gran calidade artística e un persoal pop de autor que cautiva ao público coa súa voz.
 
15.00 horas. Ñaco Goñi+Marian Ledesma & Tinaquero Brothers. Marian quedou prendada do estilo dos irmáns e, nun alarde de valor e sen coñecelos, achegouse a eles para propoñerlles unha colaboración. Ante a súa sorpresa, os Tinaquero Brothers aceptaron e, desde entón, o trío solidificou a súa unión nunha infinidade de directos, nos que cada artista aporta a súa forma de ver e sentir a música, pero sempre desde unha linguaxe común: o blues. A súa experiencia escénica e o seu estilo súmanse a un son auténtico e inigualable. A súa é unha viaxe única ao Delta do Mississippi, onde a voz feminina de Marian lembra a aquelas deusas de algodón como Bessie Smith, Ma Rainey ou Elizabeth Cotten. E, todo iso, sen deixar de lado a forza do son máis tradicional inspirado en Robert Johnson, Doc Watson, Muddy Waters ou Howlin’ Wolf. O Festival Noroeste Estrella Galicia será testemuña dunha colaboración moi especial da banda co músico Ñaco Goñi, un dos grandes pioneiros do blues en España.
 
16.30 horas. Bart Davenport. Mod, cantante de blues ou trobador softrock. Bart Davenport é un guitarrista e cantante excéntrico coa voz atemporal dun auténtico crooner. O seu traballo transpórtanos indistintamente a un pasado ou a un futuro imaxinario que, curiosamente, podería ser tanto da década dos 80 como dos 60. As súas historias teñen lugar nun mundo de fantasía, pero transmiten verdades persoais e universais. Nacido en Oakland, California, as súas raíces beben das escenas do blues e o garage dos anos 90. Tras liderar a banda The Loved Ones, en 2002 lanzou o seu primeiro traballo en solitario, Bart Davenport, un caramelo de pop indie cheo de tambores, órganos e harmonías vocais. No ano 2018 publica Blue Motel, cun ambiente máis escuro e cinematográfico, acompañado pola súa banda The Bedazzled, xunto á baixista Jessica Espeleta, o guitarrista Wayne Faler e o baterista Andrés Rentería.
 
19.15 horas. Derby Motoreta’s Burrito Kachimba. Baixo o esperpéntico e surrealista nome da banda, atopamos seis músicos sevillanos que destilan puro rock.O seu ADN ten dous grandes compoñentes: kinki do rock andaluz e psicodelia, que bebe de bandas como King Gizzard and The Lizard Wizard ou Pond. Desta suma nace o termo “kinkidelia”, baixo o que presentan o seu disco homónimo Derby Motoreta’s Burrito Kachimba (2019).
 
20.30 horas. Joe Crepúsculo. O artista catalán afincado en Madrid presenta no Festival Noroeste Estrella Galicia o seu último álbum, 10, no que revisa os seus dez anos de traxectoria artística, toda unha década de hits dun trobador tecno imparable e libre de etiquetas, a ritmo dun baile irracional e coa mellor emoción eléctrica. Crepúsculo é un dos personaxes máis particulares e creativos do país. Antes con Tarántula -nome da súa primeira banda- e, desde 2008, en solitario, ofrece unha proposta musical fortemente promiscua. Porque el incorpora ao seu persoal son todo o que se vaia atopando polo camiño, sen ningún tipo de prexuízo e sempre guiado por unha intuición musical inédita na música en español. Emoción eléctrica, bacallau e o que se tercie. Cada concerto de Joe Crepúsculo convértese nunha rave que vai alén de calquera xénero e estilo e onde o baile que invade a pista é case irracional. A súa fábrica de hits leva funcionando durante unha década ao ritmo imparable dun disco por ano. En cada un, foi capaz de  reinventarse sen perder un chisco da súa autenticidade. 
A %d blogueros les gusta esto: