coruna 21st mayo 2019

“Traballarei polas remunicipalizacións para termos unha rede única de bibliotecas e unha xestión integral do lixo”

by Victor Lamela

“Respecto da limpeza e das bibliotecas, o que nos comprometemos a facer é facer o que non foi capaz de facer o actual goberno municipal”, dixo Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía este martes. “O actual goberno desaproveitou a ocasión de que caducaba a concesión da limpeza e da recollida, e de que vai caducar a concesión do tratamento en Nostián, para remunicipalizar eses servizos e implantar un modelo que sería moito máis eficiente e democrático”, dixo Jorquera. E no caso das bibliotecas, indicou: “comprometémonos a traballar pola súa remunicipalización respectando os dereitos das traballadoras e traballadores”.

O número 1 da lista do BNG engadiu que no caso da limpeza, as nacionalistas apostan por conseguir “unha xestión integral do ciclo do lixo” e criticou que o goberno actual fose “incapaz de tutelar os servizos que prestan as concesionarias, e tampouco soubo resolver os contratos para que caducasen”. Respecto das bibliotecas, Jorquera lembrou que o Bloque propón “unha rede única na que se integren todas as bibliotecas”, ademais de crear novos equipamentos en Novo Mesoiro, unha biblioteca central (nos terreos do porto) e tamén unha biblioteca virtual da cidade que facilite o acceso a todo o catálogo público das diferentes institucións da cidade.

Alerta sobre as adiccións ao xogo

“É un problema social de primeira orde, inda que desafortunadamente ás veces non existe suficiente conciencia da gravidade do mesmo: a adicción aos xogos de azar”, dixo Francisco Jorquera esta mañá na rúa Barcelona, nunha comparecencia pública xunto a Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, despois de ter visitado ambos Agalure, unha entidade social que atende este tipo de situacións. “Vivimos nunha cidade que está pragada de casas de apostas. E cada vez hai máis xente adicta, o que constitúe un problema de saúde; pero tamén dun problema social que orixina débedas nas familias e que afecta singularmente á mocidade”, anotou Jorquera antes de sinalar algunhas das medidas que o BNG considera que se poden adoptar desde o goberno da Coruña a partir de xuño: “o Concello ten que facer campañas de sensibilización e asignar máis recursos ás campañas de prevención; pero tamén pode actuar desde a fiscalidade para evitar a proliferación de casas de apostas, elevando o IBI por exemplo até límites disuasorios”.

Ana Pontón e Francisco Jorquera participaron minutos despois no reparto que militantes e membros da candidatura nacionalista realizaron polo barrio da Agra do Orzán. Pola tarde, despois da entrevista radiofónica na SER, Jorquera tiña previsto intervir no mitin do BNG nos Rosales, o último acto público das nacionalistas antes do mitin de peche de campaña que se celebrará este xoves, día 23, nos Xardíns de Méndez Núñez, cunha carpa que se instalará minutos antes para protexer aos asistentes en caso de chuvia.

A %d blogueros les gusta esto: