Ayuntamiento 13th diciembre 2018

ULTIMA HORA: O Concello habilita un espazo no centro cívico de Elviña para resolver a problemática ocasionada pola decisión da Xunta de pechar o comedor do instituto do barrio

by Victor Lamela

A Xunta de goberno local deste venres dará luz verde aos recursos de reposición presentados polas familias de 18 menores do IES de Elviña que quedaron sen percibir as axudas correspondentes ao programa de bolsas comedor do curso 2018/2019 ao non existir, a inicio de curso, ningún espazo no centro destinado a ofrecer comidas aos e ás estudantes. Esta situación deriva da decisión tomada pola Xunta de Galicia o curso pasado de eliminar o horario de comedor da cafetaría do centro que, cada día lectivo, daba de comer a unha media de 40 alumnos e alumnas, sendo a metade beneficiarias das bolsas municipais. Á vista da situación, o Concello da Coruña, a través do departamento de Xustiza Social, habilitou un espazo que puidera ser usado pola ANPA do centro educativo como comedor e dar servizo ao alumnado que até o curso pasado era perceptor da axuda municipal. “Agora, reinstaurado o servizo no centro cívico, o que facemos é atender as reclamacións das familias que no seu día quedaron sen bolsa ao non ter os e as estudantes acceso a un servizo de comedor”, explica a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, que comenta que nos próximos día procederase á publicación dun edicto coa relación adicional de persoas beneficias das axudas comprendidas dentro do programa das bolsas comedor. O custo adicional previsto, que se imputará no orzamento de 2019, ascende a case 14.000 euros.

A concelleira Cameán amosou a súa satisfacción por “poder dar unha alternativa a unha situación que, dende o principio, consideramos inxusta”. “Existe un dereito á educación recollido na Constitución, do mesmo xeito que existe unha obriga por parte dos poderes públicos para minimizar os obstáculos que impiden ou dificultan a igualdade real e efectiva durante a etapa educativa. Por iso, aínda hoxe en día non acertamos a entender como, de forma unilateral e sen mediar negociación co consello escolar, o pasado febreiro tomouse a determinación de pechar o servizo de comedor da cafetería do instituto, que daba servizo a moitos nenos e nenas, unha gran parte, beneficiarias do programa de bolsas comedor”, reflexionou a responsable municipal. “Cremos que o ideal, tal e como subscribiu o propio Pleno municipal do Concello da Coruña mediante unha moción, sería que a Xunta recuperase o horario habitual do servizo de cafetería, garantindo por tanto o mantemento do comedor. Non obstante, a nosa obriga é dar solucións ás problemáticas e, polo momento, a ANPA poderá xestionar o seu servizo de comedor usando o centro cívico de Elviña, espazo, ao cabo, que ten como misión última mellorar a calidade de vida da cidadanía”, dixo.

A %d blogueros les gusta esto: