Sin categoría 10/27/2011

Últimos foguetes do VI Festival Galego de Cabaré

by Victor Lamela

O VI Festival Galego de Cabaré toma a súa recta final coa compañía anfitriona como peza fundamental. As actividades de despedida darán comezo o venres 28  ás 20:00 h no Obelisco, coa despedida do espectáculo CABARÉDEAMBULANTE, o ata agora buque insignia e espectáculo máis representado da compañía. Seguiralle a quenda ás extremeñas Hnas Trilita co seu espectáculo “This isn´t a cabaret” ás 22:00 h no Bar INK (Rúa Independencia). O colofón final chegará o sábado 29 ás 21:00 h no Teatro Rosalía de Castro, coa estrea absoluta do espectáculo AS NENAS PERDIDAS, a cargo de Femme Fatale con banda sonora de Micky Nervio & Bluesmakers ou Carla de Figueredo.

Venres 28. 20:00 OBELISCO. Cabarédeambulante

CABARÉDEAMBULANTE é un espectáculo de teatro de rúa, animación, danza e intervención urbana.
5 músicos de jazz (caixa, tuba, saxo e trompeta) acompañados de 5 actrices e un mestre de cerimonias percorren as rúas a golpe de purpurina, tacóns e altas doses de glamour envoltas baixo un fío conductor coreográfico.
CABARÉDEAMBULANTE é unha ruptura coa cotidaneidade, un espectáculo para todos os públicos que enche de cor, música dixie e teatro de rúa as rúas, prazas e espazos urbáns.
En CABARÉDEAMBULANTE todo é posíbel. Unha alameda pode converterse nun bulevar, unha terraza dun bar nun Music Hall, o kiosko dos músicos pode ser escenario improvisado dun can can. É un espectáculo sobre todo itinerante que se adapta ó itinerario que nos sexa marcado, facendo uso de todo o que esté ó noso alcance para subvertir a realidade.
En CABARÉDEAMBULANTE hai mimo, coreografías de swing, improvisación, animación de rúa e música en directo.
Un espectáculo que percorreu prazas como Madrid, San Fernando de Henares, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol , Lekeitio, Laxe, Vigo, Carral, Arteixo, Ourense…

Venres 28. 22:00 BAR INK. This isn´t a cabaret

‘This isn’t a cabaret’ é o nome do espectáculo das Hnas Trilita (Extremadura) no que os ciumes entre irmás e o duro mundo das bambalinas amósase con toda a súa crudeza e altas doses de humor. Para elo crean un espectáculo en clave de cabaré que chegará ó Bar INK (Rúa Independencia) nun formato de café-teatro, un dos xéneros que menos é representado na nosa cidade.

A entrada do espectáculo é de 3 €

Sábado 29. 21:00 h TEATRO ROSALÍA DE CASTRO. As Nenas Perdidas

AS NENAS PERDIDAS é un espectáculo de cabaré contemporáneo que profundiza no mito de Endexamais, con un Batallón de Nenas Perdidas, que reivindican a propia imaxinación, a capacidade de xogar, a seducción ou a rebeldía como nova forma de negarse a medrar.

Peterpanismo, xogo de sombras ou cabaré para rexurdir reivindicando unha evasión romántica ós tempos que nos tocou vivir, nunha montaxe que aborda cuestións como a infancia, a guerra, a sexualidade ou a inocencia dende unha perspectiva transversal no que o discurso de xénero é o eixo fundamental.

Despois de “Lerchas”, que abordaba a trampa lingüística, ou “Varadas”, que falaba da violencia en contra das mulleres chegan “As Nenas Perdidas”, unha continuación desta liña de discurso que dalle unha volta de parafuso ó cabaré como xénero da man da Compañía Femme Fatale.

Un espectáculo en versión gala, que aposta por subir ao escenario do Teatro Rosalía de Castro unha chea de profesionais que arrouparán o feche á VI edición do Festival Galego de Cabaré: nenos e nenas perdidas como as 8 actrices da Compañía Femme Fatale, a cantante Carla de Figueredo, ou os seis músicos en directo da banda Micky Nervio and The Bluesmakers ou o director da montaxe, Nelson Quinteiro no papel dun Peter pan moi pouco convencional.

A %d blogueros les gusta esto: