coruna 28/07/2020

Un centenar de alumnos de catro continentes están a seguir os cursos da International Summer School da Universidade da Coruña na súa edición virtual

by Victor Lamela

Ata o vindeiro venres un centenar de estudantes de catro continentes están a seguir os cursos da International Summer School (ISS) da Universidade da Coruña que, nesta oitava edición, ten lugar de forma virtual pola pandemia da COVID-19.

Os cursos da ISS están impartidos por profesorado de universidades estranxeiras de referencia e danse exclusivamente en inglés pois son unha forma de inmersión lingüística e de relación intercultural xa que o alumnado procede de países como Italia, Xeorxia, Marrocos, República Dominicana, Ghana, Colombia, Eslovaquia, Nixeria, Bielorrusia, Tajikistán, Sudán, Armenia, Rusia, Arxentina, Etiopía, Pakistán, India, Brasil, Cuba, México, Costa Rica ou Kazajistán, ademais de alumnado da UDC.

A Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre abriu a oitava edición dos cursos da ISS que comezaron a pasada semana, xunto co director da Oficina de Relación Internacionais, Evaristo Zas, e a coordinadora da ISS, Begoña Crespo. O profesorado destes cursos, de materias curriculares, procede de países como Xamaica, Moldavia, Albania, Polonia, México, Ucrania, Túnez, Reino Unido, Italia, Austria ou Romanía. Os docentes imparten materias como auditoría de contas, transporte intelixente, inglés nos negocios, phyton, ecoturismo, construción sustentable, biotecnoloxía, análise do discurso etc a través de aulas virtuais creadas na aplicación Teams.

A docencia en liña vai acompañada dun programa social, tamén de forma virtual nesta edición, no que se inclúen actividades gastronómicas, xogos, visitas culturais e mentorización lingüística previo apoio dun curso de español básico gratuíto para estranxeiros creado a propósito para a Summer School. Estas propostas lúdicas virtuais inclúen tours, quedadas cos mentores, eventos gastronómicos para gozar de receitas tradicionais, directos por Instagram… para dar a coñecer a cidade da Coruña, as linguas e a cultura. O alumnado recibirá ademais un “student kit” con información da UDC. Ademais, a ISS propón ao seu estudantado un “challenge”, un reto que consiste na elaboración dun proxecto virtual intercultural que cada alumno poderá presentar para gañar una matrícula gratuíta na vindeira edición da ISS da UDC. O venres, 31 de xullo, xunto coa clausura dos cursos, comunicarase o nome da persoa gañadora do “challenge”.

Máis información: https://www.udc.es/gl/iss/

Foto: imaxe dunha edición anterior da ISS. Desde a esquerda: Evaristo Zas, director da ORI; Cristina López, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte; Julio Abalde, reitor; Pilar García de la Torre, vicerreitora de Internacionalización e Cooperación; e Begoña Crespo, coordinadora da ISS.

A %d blogueros les gusta esto: