coruna 24/11/2016

Un centro de persoas participan esta semana no deseño colectivo do Laboratorio Cidadán impulsado polo Goberno local

by Victor Lamela

Un cento de persoas participarán hoxe, xoves 25, no proceso de investigación, deseño e prototipado do Laboratorio Cidadán impulsado polo Concello da Coruña, a través da Concellería de Participación e Innovación Democrática. Farano nun Obradoiro Aberto que terá lugar no Centro Ágora ao longo de todo o día de mañá e ata o venres ás 20.00 horas, e no que se debatirán as liñas de acción que debe desenvolver o Co-Lab e máis os recursos, o equipo e as infraestructuras necesarias para facelo. O debate xerado nestas dúas xornadas de traballo volcarase na web colab.coruna.gal e máis nas redes sociais, a través do cancelo #CoLabCoruña.

O Laboratorio Cidadán da Coruña quere ser un espazo de produción e de prototipado de coñecemento, a través de diferentes grupos de traballo e de investigación que impulsen procesos de innovación cidadá para a transformación social, contribuíndo ao desenvolvemento cultural, social e económico da cidade. Tanto as características deste espazo -similar a outros que se veñen desenvolvendo con éxito nos países da contorna- como os primeiros proxectos que se desenvolverán ao seu abeiro definiranse colectivamente ao longo dos próximos días no Ágora, nunhas sesións de traballo nas que participarán persoas expertas na materia, tanto da cidade como de Galicia e do resto do Estado, e aqueles veciños e veciñas que amosaron interese por participar no deseño colectivo do proxecto.

Entre as entidades e colectivos que confirmaron a súa participación no Obradoiro atópanse: Universidade da Coruña, Proxecto Cárcere, Galiza Imaxinaria, Alg-A, Arquitectura sen fronteiras, Bricolabs, Agasol, VHPLab, Impact Hub Vigo, Ciberdemocracia, Hack4demy, ETSAC/FETSAC, Agentes del Caos, Centro ocupacional Pascual Veiga, Fundación María José Jove, Laboratorio de formas, AGPXC, Cuac FM, CRMH da Coruña, Rexenerando SCG, 7H SCG, Grupo de Xogos, Espazo Utópico ou Asociación Educativa AtlanTICs.

A xornada arrincará mañá ás 09.30 horas coa presentación do proxecto e do equipo de traballo. A continuación, definiranse os obxectivos do obradoiro, como parte do proceso de deseño do Co-Lab, e máis a metodoloxía que se seguirá. Antonio Lafuente (CSIC) introducirá o criterio de In-disciplinaridade e Pedro Jiménez (Zemos98) o de Coñecemento aberto, tralo que se establecerá unha conversa ao respecto entre as persoas participantes. De 13.30 a 15.00 hpras haberá un xantar colectivo ao que estarán convidadas todas as persoas asistentes. Trátase dun espazo de relación e vínculo polo que se desenvolverá dentro da propia estrutura da xornada no Ágora.

Na sesión da tarde, Enrique Saavedra (Galicia Maker Fair) abordará o tema da Produción coas persoas asistentes e, despois, introduciranse as liñas de acción arredor das que se configurarán os grupos de traballo: A Mobilidade, O Habitar, O Ser dixital, O Social e O Cultural. Cada unha das persoas participantes poderá elexir o grupo de traballo ao que se incorporará. A primeira sesión de traballo colectivo* consistirá nunha breve presentación das persoas participantes e na posta en contexto da liña temática de cada grupo, mediante unha dinámica que permita identificar retos, axentes e proxectos en cada liña de acción. Ás 19.30 horas haberá unha posta en común e unha elaboración conxunta das conclusións da primeira xornada.

Xa o venres 25, a xornada arrincará tamén ás 09.30 horas coa posta en común da axenda do día. Ao longo da mañá, Marcos García compartirá a súa experiencia no laboratorio cidadán Medialab-Prado e Nagore de los Ríos abordará a cuestión da Participación e da Gobernanza a partir do seu labor, entre outros proxectos, na canle Irekia do Goberno Vasco, tralo que establecerán un diálogo entre as persoas participantes. Os grupos traballarán na xeración colectiva de accións concretas a desenvolver no marco de cada liña de acción, susceptibles de ser integradas nun programa do Co-Lab.

Na sesión da tarde, Juan Freire (XtribeU) introducirá as características das Comunidades de aprendizaxe, en conversa coas persoas asistentes para, posteriormente, traballar en grupo no deseño de prototipos experimentais de programas a desenvolver no Co-Lab, trazando unha folla de ruta o máis completa e detallada posible para a súa posta en marcha. Finalmente, ás 19.30 horas haberá unha posta en común e unha elaboración conxunta das conclusións do obradoiro.

Investigación aberta

Os Laboratorios Cidadáns caracterízanse tanto polo seu obxectivo de contribuír á innovación social como polas metodoloxías que empregan para conseguilo. Unha das características principais é o coñecemento aberto e compartido. Así, o equipo impulsor do Co-Lab ven de compartir na rede a documentación da fase de investigación previa ao Obradoiro, na que se atopan unha Webibliografía e unha manchea de entrevistas a persoas expertas de procedencias diversas, tales como Raúl Oliván, José Ramón Insa, Antonio Lafuente, Marcos García, Azucena Klett, Joan Subirats, Víctor Sampedro, Carlos Diz, Antía Pérez Caramés, Ricardo Antón, Enrique Saavedra, Pablo Castro, Mariano Fernández , Marta Casal, Sergio Fernández Alonso e Miño Guerreiro Rodríguez ou Iago Carro, Ania González e Horacio González.

A partir desas entrevistas -dispoñibles na web colab.coruna.gal e máis no repositorio aberto forxa.colab.coruna.gal – o equipo impulsor do Co-Lab trazou uns marcos de partida arredor dos cales hai un certo consenso entre as persoas expertas. Son a In-disciplinariedade ou a transversalidade dos saberes, o Coñecemento aberto ou a liberdade de acceso e de reutilización, a Produción ou o prototipado rápido e as Comunidades de aprendizaxe ou a transformación baseada en compartir coñecemento. Gran parte do traballo dos próximos dous días xirarán arredor destes conceptos.

Liñas de acción

O traballo do Laboratorio artellarase sobre unha serie de liñas de acción ou grandes áreas temáticas que debenrán dar resposta aos principais retos da sociedade e do territorio. O equipo impulsor propón realizar o exercicio de conceptualización e de deseño do Obradoiro aberto a partir das ideas da mobilidade, do habitar (incluíndo tanto o espazo público urbano, como as cuestións ambientais e a conexión cidade-rural), do ser dixital (conectado especialmente coa redefinición do concepto de Smart City que se viñeron desenvolvendo na cidade ao longo dos últimos anos), co social (no relativo á diversidade, á inclusión, á desigualdade) e o cultural. Estas liñas serán, polo tanto, debatidas ao longo dos próximos dous días nos distintos grupos de traballo que se formarán no Obradoiro.

A %d blogueros les gusta esto: