coruna 30/07/2020

Un científico da UDC, premiado polo Grupo Compostela de Universidades por un vídeo sobre a súa investigación de sistemas de refrixeración ecolóxicos

by Victor Lamela

O xurado internacional do IV Concurso de Pitches do Grupo Compostela de Universidades (GCU)concedeu o segundo premio ao doutorando Jorge Salgado Beceiro do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña.

O químico galardonado, orixinal de Cedeira, realiza a súa tese de doutoramento no grupo QUIMOLMAT (Química Molecular e de Materiais) do CICA (A Coruña), onde investiga como substituír os actuais sistemas de refrixeración por outros máis ecolóxicos e igual de eficientes.

Neste breve vídeo divulgativo (ou pitch) Jorge sinala que “os sistemas de refrixeración e de aire acondicionado representan máis do 20% do consumo enerxético mundial” e que a cifra tende a aumentar “en parte polo quecemento global”. Na súa presentación explica que o obxectivo da súa investigación é “substituír os gases invernadoiro empregados nos sistemas actuais por novos materiais sólidos máis ecolóxicos” que fabrican no laboratorio. Desta maneira evitaríanse os fatais efectos da acumulación de gases na atmósfera co consecuente dano da capa de ozono (necesaria para protexernos da radiación solar) e aceleración do cambio climático.

O xurado, que recoñeceu ter moi complicada a decisión, outorgou o primeiro e terceiro premio a dous estudantes da Universidade de Pécs (Hungría), ambos os dous proxectos enmarcados dentro do campo da biomedicina. A resolución do concurso pódese consultar nesta ligazón.

Está previsto que os tres investigadores premiados presenten os seus pitches publicamente durante a Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades en setembro.

Sobre o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas.- O CICA é un centro de investigación promovido pola UDC que reúne grupos multidisciplinares de biotecnoloxía, biomedicina, novos materiais e medioambiente. As súas instalacións están equipadas coa tecnoloxía máis punteira e posúe persoal investigador altamente cualificado (contacto: cica@udc.es, comunicacion.cica@udc.es).

Sobre o Grupo Compostela de Universidades.- O GCU é unha rede de universidades fundada en 1994 e que reúne xa a máis de 70 membros en todo o mundo, entre eles atópanse tres universidades galegas: a UDC, a USC e a UVigo. Esta rede aposta pola diversidade e a multiculturalidade para crear colaboracións e fomentar o diálogo co obxectivo de impulsar a excelencia da Educación Superior. Con este concurso pretenden dar a coñecer o labor de investigación das universidades e centros membro da rede a través de pitches curtos que se caracterizan polo emprego dunha linguaxe adaptada a todos os públicos.

A %d blogueros les gusta esto: