coruna 4th diciembre 2018

Un espectáculo “irreverente” reivindica a condición de ben público do Pazo de Meirás

by Victor Lamela

Unha gala na que primará o humor satírico reivindica a condición de ben público do Pazo de Meirás cando se conmemoran os oitenta anos da cesión da propiedade ao Xefe do Estado, daquela, Francisco Franco. A Deputación da Coruña organiza o evento dirixido por Artur Trillo que terá lugar no Teatro Colón este martes día 4 de decembro ás 20:00 horas con entrada libre previa recollida na billeteira.

Un elenco de luxo participará na gala que conmemora un feito histórico que é a chave para a reivindicación xurídica do Pazo de Meirás como ben público. Cúmprense oitenta anos do documento de doazón da propiedade ao Xefe do Estado, daquela Francisco Franco, asinando un documento que é un dos eixos fundamentais do informe xurídico que reclama a propiedade pública do Pazo e o aniversario é boa ocasión para reivindicar, desta volta con humor, o fin “do espolio da familia e a devolución do Pazo”, como reclamou Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, na presentación da gala.

Dirixida por Artur Trillo, na gala participarán César Goldi, Paula Carballeira, Chévere, Quico Cadaval, Ibuprofeno Teatro, Xulio Abonjo e Talía Teatro e contará coa música ao vivo de Caxade.

“É un dos elementos en que se fundamenta os informes xurídicos e históricos para afirmar que Franco recibiu o Pazo en calidade de Xefe do Estado e que el gozaba da residencia de verán desde o ano 38 co que o contrato posterior é unha compravenda simulada para facerse coa propiedade a título persoal”, defende Goretti Sanmartín.

“Irreverentes, sen morderse a lingua que é a función dos cómicos”. Así será a gala en palabras do seu director, Artur Trillo, que botou man dalgúns dos principais nomes da escena galega que prometen facer un espectáculo único e irrepetíbel que formará parte da historia da reivindicación do Pazo de Meirás.

A %d blogueros les gusta esto: