Uncategorised 21/09/2020

Villoslada: “O operativo de desinfección da Compañía de Tranvías garante a total seguridade do servizo”

by Victor Lamela

A Compañía de Tranvías desenvolveu no marco da Semana da Mobilidade que organiza o Concello da Coruña unha demostración do operativo de limpeza e desinfección que vén realizando nos autobuses da frota para garantir a protección fronte á COVID-19.

O operativo realizouse no autobús que permanece situado na contorna do Obelisco, onde se atopan as casetas deste evento. O operativo de limpeza e desinfección localizada realízase todos os días nas cocheiras da Compañía de Tranvías e dúas veces á semana procédese a unha desinfección complementaria a cargo dunha empresa especializada, que realiza este proceso entre as doce da noite e as tres da madrugada en todos os autobuses da frota.

Tras a limpeza localizada dos espazos do autobús procédese a unha desinfección xeral por nebulización, diseminando o produto por todos os espazos, desde chans ata cabina, cristais, barras, asentos e outros elementos aos que non se pode acceder de maneira manual.

Á demostración deste proceso no autobús situado no Obelisco acudiron o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada.

O obxectivo desta acción foi “mostrar ao público todas as accións que realizamos para loitar contra o coronavirus e garantir a total seguridade para os viaxeiros”, explicou Ignacio Prada.

Pola súa banda, Juan Díaz Villoslada destacou o esforzo que está a realizar o persoal da Compañía de Tranvías, desde o persoal de limpeza ata os condutores, sometidos a un traballo intenso de exposición permanente. O edil destacou tamén o “traballo fundamental” que está a desenvolver a Compañía de Tranvías en canto a prevención e para transmitir á cidadanía que o transporte colectivo é seguro. De feito, lembrou que a coruñesa foi unha das primeiras empresas de transporte público en obter a certificación de Aenor que acredita o protocolo de prevención e protección fronte ao coronavirus. O concelleiro quixo transmitir unha mensaxe de confianza nun dos sectores que máis sufriu a situación xerada pola pandemia, cunha caída importante e preocupante non só desde o punto de vista do servizo senón tamén en canto á mellora da mobilidade e da calidade ambiental na cidade, que pasan necesariamente polo fomento do uso do transporte público colectivo. Así o acreditou tamén Ignacio Prada, que lembrou que aínda está lonxe de recuperarse o nivel de ocupación dos autobuses, cuxo servizo funciona ao cento por cento pero está ao 60% de ocupación en relación cos índices do pasado ano, aínda que no contexto actual hai diferenzas que poden afectar a esta comparativa como o atraso no inicio das clases de ESO, Bacharelato e estudos universitarios. “Queda moito camiño por percorrer, porque cun 40% menos de viaxeiros a situación é complicada, aínda que esperamos que se vaia recuperando a ocupación unha vez que vaiamos renovando a normalidade nos hábitos de desprazamento dos coruñeses”, sinalou o director da Compañía de Tranvías.

A %d blogueros les gusta esto: