Uncategorised 21/03/2020

Villoslada recorda que o concello non pode paralizar as obras públicas nin privadas

by Victor

O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, anunciou que non se autorizará ningunha obra pública máis durante o estado de alarma e que, no caso das que están en marcha, a Administración local, segundo os artigos 33 e 34 do Real decreto do 14 de marzo, non ten potestade para as paralizar. A empresa adxudicataria é a que ditamina se continúa ou non prestando o servizo ata a finalización dos traballos. De seguir adiante, deberá adoptar as medidas de seguridade e hixiene para poder executalas, medidas que, por outra parte, deberá comunicarlle ao Goberno local. Deste xeito, as catro actuacións públicas que están activas nestes momentos levaranse a cabo segundo o que decidiron as operarias correspondentes: “Desde o concello podemos recomendarlles cuestións como a xornada continua para evitar que as/osempregadas/os se xunten á hora de comer”.

Esta norma esténdese tamén ás obras de carácter privado, sobre as que o concello non ten competencia ningunha, máis que a de corroborar, a través da Policía Local, que a empresa está cumprindo no referente á seguridade e hixiene: “De non ser así, redactamos unha acta de sanción que trasladamos ao Ministerio do Interior”.

Canto aos labores de xardinería, os servizos que se realizan estes días responden a unha cuestión de saúde pública, xa que o decreto recolle certos traballos como “esenciais” para evitar focos de insalubridade e a proliferación de animais ou residuos que poden constituír unha ameaza para a cidadanía.

A %d blogueros les gusta esto: