coruna 02/07/2015

Wagner, Bernstein e Richard Strauss protagonizan o programa da Temporada Lírica

by Victor Lamela

O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a Temporada Lírica, que comezará o 3 de setembro e que nesta edición traerá aos escenarios coruñeses a ópera O​holandés errante,​de Richard Wagner, na que será a primeira representación do compositor alemán na cidade en máis dun século. “Desde o Goberno municipal entendemos como crucial a inauguración do programa. Para nós é unha honra e un privilexio seguir con esta aposta musical xa clásica na cidade”, salientou o concelleiro, para eloxiar as sete óperas e a “infinidade de actividades complementarias” do ciclo.

unnamed

Ademais da obra de Wagner, que se representará o 9 e o 11 de xuño, o programa incorpora nomes como o de Richard Strauss ­a quen a OSG dedica este ano un apartado importante da súa programación sinfónica­ co título S​alomé,​que se representará o 13 de febreiro no Pazo da Ópera e que suporá a estrea da obra en Galicia. Tamén haberá espazo para a música do século XX, a través de grandes obras do teatro lírico contemporáneo como O​castelo de Barba Azul,​de Bela Bartok, e Suor Angelica,​de Giacomo Puccini, que se representarán o 26 de setembro nun programa dobre, ou West Side Story,​de Leonard Bernstein (2 de xullo), que servirá para conmemorar o quinto centenario da morte de William Shakespeare; do mesmo xeito, a Temporada Lírica lembrará a figura de Cervantes no centenario da súa morte, a través do concerto M​elodías do Quixote e​doutras referencias. O​trobador,​de Giuseppe Verdi, será a ópera coa que arrancará o 3 de setembro a programación, que se completa coa obra de G.F. Haendel P​arténope​(19 de xaneiro).

A tempada deste ano estará dedicada ao tenor malpicán Ignacio Varela, e integra un amplo número de propostas dentro dos ciclos complementarios nos que, entre outras actividades, conmemorarase o centenario de Frank Sinatra cun recital a cargo do barítono Borja Quiza, en novembro.

Na presentación do programa 2015/2016 estiveron presentes, xunto ao responsable municipal, a presidenta de Amigos de la Ópera, Natalia Lamas, o director artístico da Temporada Lírica, César Wonenburger, o director do Agadic, Jacobo Sutil, Begoña Freire, pola Deputación, e Andrés Lacasa, director OSG, en representación das institucións e entidades participantes.

No acto público, o concelleiro de Cultura falou tamén do programa de festas da cidade, do que declarou que se está a perfilar “con austeridade económica” e cuxa estrutura, indicou, está xa “fixada e avanzada”. Sobre as touradas, José Manuel Sande avanzou que o Concello continúa no proceso para rescindir o contrato coa empresa encargada, en consonancia co que se recollía no programa da Marea Atlántica. “Estamos pendentes das propostas económicas”, detallou.

A %d blogueros les gusta esto: