coruna 13/12/2015

Xiao Varela lamenta “este novo atranco no burato negro do Ofimático” e salienta que o Concello “seguirá traballando para conseguir sacalo adiante”

by Victor Lamela

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, lamentou este sábado que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG, que confirma a nulidade do procedemento de adxudicación do contrato das obras de urbanización do polígono supón “un novo atranco na herdanza envelenada no burato negro do Parque Ofimático”. Porén, salientou que o Goberno municipal “seguirá traballando para sacalo adiante e darlle solución a tódolos afectados” e neste sentido destaca que o desenvolvemento desde proceso urbanístico “será beneficioso para todos os axentes implicados”, desde os cooperativistas aos pequenos propietarios iniciais, pasando polas promotoras e a construtora, e incide en que o Concello “pelexará para que chegue a ser unha realidade”. A resolución confirma un ditame anterior que anulaba o expediente de contratación aprobado en Xunta de Goberno local en outubro de 2010 polo bipartito do PSOE e o BNG, que considerou que a fórmula escollida polo Concello para contratar de forma conxunta o proxecto, a execución de obra, e a explotación do aparcadoiro subterráneo, non se axustou ao estipulado na lei, que require unha serie de condicións que, segundo o xulgado, non se cumpliron. En execución de sentenza, e de acordo co que establece a legislación de contratos, o Concello debe liquidar o actual contrato e proceder a licitar de novo que cumpra coas esixencias legais.

Para o responsable municipal o mais necesario é executar as obras “prioritarias para garantir a dotación de servizos urbanísticos ás parcelas onde se están a executar obras de edificación, a fin de que estes servizos poidan estar en funcionamento para, no caso de que proceda, poder outorgar as licencias de primeira ocupación”, expuxo. Neste sentido, Varela salientou que o Concello “tentará por tódolos medios” que se poidan realizar esas obras “no menor prazo de tempo posible”.

En canto ás obras do aparcadoiro, o titular de Rexeneración Urbana puntualizou que “será necesario estudar a súa viabilidade, urbanística e económica, e haberá que someter o proxecto a exposición pública e a revisión, tendo en conta que a reserva de prazas de estacionamento está cumprida, segundo as determinacións do Plan Parcial vixente, polo que a súa execución non é obrigatoria”. Tal e como fixo notar, a sentenza non implica que a nova licitación teña por obxecto as mesmas obras que as que quedaban definidas polo expediente anulado, de xeito que o Concello poderá axustalas ás modificacións previstas neste sector, que xa están en fase de redacción nos servizos municipais.

A %d blogueros les gusta esto: