coruna 09/01/2016

Xiao Varela: “Os problemas no enlousado da Mariña demostran que o Goberno local tiña razón cando dixo que as obras se executaron ás présas e con deficiencias”

by Victor Lamela

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou hoxe, nunha entrevista radiofónica, que os erros no enlousado na zona da Mariña “demostran que o Goberno local tiña razón cando dixo que as obras (responsabilidade da Autoridade Portuaria) se executaron ás présas e non da forma correcta”. “Estamos moi decepcionados de que as cousas se fixesen desta maneira, pero traballamos para arranxar esta situación. Agora, a cidadanía está pagando o pato da mala calidade da execución das obras”, dixo o responsable municipal.

O edil indicou que o tránsito de tráfico “non influíu no estado do enlousado da Mariña”, que xa presentaba deficiencias de partida. “A intensidade de tráfico o único que fixo foi agravar o problema. Esta superficie, dende o inicio, construíuse tendo en conta que tiña que soportar o paso de autobuses e turismos. Se o túnel do Parrote xa estivese aberto, o enlousado da superficie simplemente houbese estirado a súa vida útil uns meses máis”, explicou. “A realidade é que este enlousado presentaba problemas xa de inicio. Non creo que doce meses sexa a vida útil de ningún pavimento en condicións”, opinou.

“O arquitecto que realizou o proxecto xa dixo no seu momento que o enlousado non era o correcto para empregar. Nos últimos tempos se lle puxeron unha sorte de parches (o aglomerado) que serviu exclusivamente para poder capear as festas. Agora mesmo, será necesario levantar unha zona de empedrado máis ampla da que presenta deficiencias e volver a executalo”, comentou o concelleiro, quen indicou, non obstante: “Iso sí, a cidadanía pode estar tranquila. Este Concello non vai pagar nada que non estea ben executado. Até que as obras non estean en óptimas condicións non imos pagar nada”, indicou. “A realidade é a que é, e demostra que a execución do enlousado non é boa”, engadiu.

Varela manifestou que neste momento, as obras da Mariña­Parrote, responsabilidade da Autoridade Portuaria, presentan unha serie de problemas non só de superficie, senón tamén na zona subterránea. “Existen dous planos distintos. Hai deficiencias na superficie, que teñen que ver co bacheado. Pero tamén existen problemas nas vías subterráneas, se ben cremos que non tardarán moito estas últimas en ser arranxadas”, comentou, á vez que recordou que, “na actualidade, aínda se está a traballar no túnel do Parrote para corrixir as deficiencias detectadas”. “De novo, a realidade é a que é, se non houbera as deficiencias que advertimos, non creo que ninguén estivese aí traballando. A tubería de pluviais presentaba unha falta de estabilidade que se está arranxando. Poucos máis datos hai que dar”, comentou.

“O noso interese non é polemizar coa Autoridade Portuaria, o único que ocorre é que cremos que non é xusto que a cidadanía teña que pagar por algo que non está ben executado”, opinou o concelleiro, que insistiu en que o Concello non recepcionará obras na zona da Mariña­Parote se non ten todas as garantías. “Sinto as molestias que se lle poden ocasionar á cidadanía, pero quero que entendan que o que estamos a facer é precisamente por eles, por defender os seus intereses. Para nós sería máis fácil recepcionar, pero sabemos, e a realidade nos está a dar a razón, que o único que traería sería problemas maiores en seis meses. Nesta cidade estamos acostumados a ver problemas urbanísticos que derivan en conflitos xurídicos e que colean durante anos. Non queremos iso, chegamos aquí para mudar esa solución, para que os problemas se arranxen e non se estendan por décadas”, explicou.

Varela recordou que, unha vez todas as obras estean recepcionadas, a intención do Executivo local é poñer en marcha unha serie de actuacións de mellora. “Falamos de humanizar esta zona, de mellorala, pero queremos facelo falando cos e coas usuarias, coa veciñanza, coa que xa temos consultas oficiosas, pero cos que esperamos contactos oficiais”, dixo.

Por outro lado, o edil reiterou que a intención do Goberno local é que non se leven a cabo os locais de hostalería previstos na zona da Mariña. “Sostemos que esas construcións non son compatibles co planeamento urbanístico. Nesa zona son compatibles as pérgolas, as marquesiñas ou os quioscos, pero non os locais dese tipo. Pensamos que é interesante que haxa, por poñer un exemplo, máis bambáns para nenos que estes locais privados, que tampouco eran do agrado dos hostaleiros da zona, segundo consultamos con eles”, explicou.

En canto á superficie do Parrote, Varela comentou que tamén aí o Concello ten o interese de revitalizar a zona. “Non estamos satisfeitos, estamos preparando un informe de melloras, axeitadas aos seus usos e funcións, para que esa zona reviva”, indicou.

Maestro Clavé e Ofimático

Por outro lado, e á marxe das obras da Mariña, o concelleiro foi preguntado polo estado das escaleiras mecánicas de Maestro Clavé. “É outra herdanza do anterior Goberno. Estamos facendo todo o posible para que esta infraestrutura estea en condicións, debido a que, tamén neste caso, a súa execución non foi a correcta. Agora mesmo, as escaleiras só funcionan en dirección de subida. Non activaremos os dous sentidos ata que non teñamos plenas garantías do correcto funcionamento”, dixo. “O contrato do anterior executivo dá o mantemento a unha empresa distinta da que se encargou da construción, o que tamén trouxo problemas derivados”, engadiu. “O que non pode ser é que volva a caer ningunha veciña”, indicou, á vez que reiterou as desculpas do Concello á muller que resultou ferida nesta infraestrutura.

Ademais, o titular de Rexeneración Urbana tamén falou do proxecto do Concello para o Parque Ofimático. “Levaremos a cabo un proxecto de promoción de vivendas, xa que cremos que temos que ampliar as vivendas municipais sensiblemente neste mandato. Presentaremos unha primeira medida en breve. A nosa intención é arrincar cun bloque de vivendas bioclimáticas, destinadas sobre todo a xente moza ou unidades familiares con problemas de habitabilidade. Apostamos por presentar en breve un concurso que ofertará 100 vivendas de nova construción que terán estándares de calidade”, destacou.

Na mesma liña, Varela confirmou que o seu departamento está a estudar a toponímia orixinal da zona. “A nosa idea é facer unha proposta para mudar o nome do barrio, pero queremos contar coa opinión dos residentes orixinais”, indicou. “Hai que facer borrón e conta nova, e poñer en valor esta zona, que para nada será un buraco negro, senón unha zona que que vivirán veciños e veciñas”, concluíu.

A %d blogueros les gusta esto: