coruna 16/01/2016

Xulio Ferreiro: “A Coruña necesita uns orzamentos para poñer en marcha as políticas novas que a cidadanía votou”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reiterou na mañá deste venres o compromiso do Goberno local de sacar adiante uns orzamentos municipais para o ano 2016 que beneficien a toda a cidade, para o cal volveu amosar ao grupo socialista a vontade negociadora do Executivo. “Temos moitas ganas de chegar a un acordo para poñer a andar as políticas novas que no mes de maio votou á cidadanía que deu o seu apoio á Marea, ao PSOE ou ao BNG. Todas esas veciñas e veciños queren unha nova forma de gobernar e están desexando que as poñamos en marcha”, opinou. En base ao mandado das cidadanía, o rexedor instou ao PSOE, con quen na actualidade se intenta negociar o proxecto orzamentario, a que se abra ao diálogo. “Veriamos un xesto de boa vontade que o Partido Socialista nos indique as súas prioridades dentro dos orzamentos. Pedímoslles que prioricen cinco ou seis proxectos que lles gustaría poñer en marcha, porque temos disposición para incluílos”, comentou o alcalde.

“Desa forma saberiamos que hai gañas de negociar e non de enredar, porque non entendemos a actitude que está a manter neste momento, se se ten en conta que hai un mes estabamos negociando de forma completamente distinta as ordenanzas fiscais, que aprobamos co seu apoio. Non sei por que este cambio de actitude, o que sabemos é que A Coruña non ten que agardar ao que pase en Madrid. Temos que tirar para adiante, e necesitamos uns orzamentos para poñer en marcha, por exemplo, numerosas actuacións que fan falla, como é o caso da reforma no mercado de Monte Alto, na praza de San Pablo, a Renda Social Municipal…”, reflexionou o primeiro edil da Coruña.

Ferreiro, nunha entrevista radiofónica, recordou que o pasado 11 de decembro, o grupo de Goberno pasou ao PSOE o borrador do proxecto orzamentario. “Só llo pasamos a eles porque entendimos que había vontade de negociar e que nese momento era o mellor para a cidade, precisamente porque viñamos de dialogar e sacar adiante unhas ordenanzas fiscais máis progresivas. Non obstante, 34 días despois, non sabemos cal é a opinión do PSOE no tema dos presupostos, nin sabemos as súas prioridades, que entendemos que ten que ter xa que se presentou a unhas eleccións”, salientou. “Quixemos sentarmos varias veces, pero a resposta que se nos daba foi, primeiro, que necesitaban máis tempo, logo, que eran as eleccións e logo que era o nadal. Intentamos, non obstante, non facer ruido, manter un perfil baixo con este tema, pero, a pesar diso, o primeiro que recibimos foi uha crítica de oportunismo… Estamos dando a información que se nos require, pero o que pedimos é tamén que se nos diga que queren. Iso é a base dunha negociación”, dixo.

Noutro orde de asuntos, e en relación ao aeroporto de Alvedro, o alcalde destacou durante a súa intervención o compromiso do Goberno municipal para “aumentar o número de pasaxeiros respecto ao ano pasado” e, nese sentido, referiuse ao convenio asinado con Vueling para este ano, o cal, indicou, implica unha terceira frecuencia diaria con Barcelona, “algo moi demandado pola cidade”. Respecto a outros convenios coas compañías aéreas, Ferreiro avanzou que o concelleiro de Economía Social e Emprego, Alberto Lema, traballa nesa liña, pero vinculando eses acordos á apertura de novas rutas. “O diñeiro público debe ir a abrir destinos e a manter rutas que se consideren estratéxicas para a cidade que son deficitarias”, considerou o rexedor, quen indicou que esa é tamén a estratexia que se pediu no comité de rutas aeroportuarias, “ir baixando as aportacións públicas ás compañías aéreas e destinos que de por si son sostibles”. En contraposición, Ferreiro entende que “non é moi razoable seguir apoiando con diñeiro público voos que teñen prácticamente un 100% de ocupación porque xa se sosteñen por si mesmos”, e, neste sentido, indicou que as compañías aseguran que non hai risco de perder esas rutas. Tamén, o alcalde valorou como positiva posibilidade de atraer a Alvedro algunha liña ‘low cost’, e anunciou o traballo que desenvolven neste sentido o Concello e o Consorcio de Turismo. “non nos pechamos a esa posibilidade”, indicou.

Fitur

Preguntado pola presencia do Goberno local en Fitur, Ferreiro confirmou que A Coruña estará presente na feira. “Nunca estivo na axenda do Concello non ir”, observou, para criticar as voces que se dedican a “lanzar bulos deliberados”.

A preguntas dun oínte, o alcalde indicou que a misión comercial en Shenzhen do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, para tratar de achegar investimentos á cidade e, en concreto, ao Porto da Coruña, tivo un custo de 1.900 euros. “Hai que ter en conta que, neste tema, o que fixemos é dar continuidade a unha misión comercial que iniciou precisamente o anterior Goberno e na que, polo tanto, entendemos que tiñan interese”, apuntou.

Por outro lado, Ferreiro indicou que o Concello deu autorización á Asociación de Meigas de San Xoán para que celebre un acto no centro municipal Agora. “Cremos que é un bo escenario, un lugar moi digno e que custou moitos cartos, de todos os coruñeses e coruñesas, construír”, indicou. “É certo que moitas entidades piden que se lles ceda, de balde, o Teatro Rosalía Castro. É unha petición lexítima, pero deben saber que cada vez que se abre o Rosalía, ao Concello lle custa diñeiro. No Agora non ocorre iso”, explicou. “Non só ás Meigas, senón a máis entidades, se lles está emprazando a realizar os seus actos no Ágora. Primeiro porque hai que darlle un uso a ese espazo, e segundo porque ten os seus propios traballadores, moi eficientes, e non xera ningún gasto adicional”, comentou o alcalde, que recordou que, en breve, o centro municipal tamén acollerá o concerto de Nacho Vegas. “Non é ningún demérito ir ao Ágora e, dende logo, a decisión de mandar unhas actividades a un centro ou a outro segue un criterio, non é unha decisión arbitraria. Queremos deixar as cuestións de carácter máis profesional no Rosalía, e outras máis informais, ou relacionadas con entidades da cidade, no Agora”, rematou.

A %d blogueros les gusta esto: