Fiestas 4th diciembre 2018

Xulio Ferreiro xunto os actores de Fariña recordaron os traballadores de Alcoa no acendido navideño

by Victor Lamela

O alcalde, Xulio Ferreiro, presidiu esta tarde na avenida da Mariña o acto do acendido da iluminación municipal de Nadal, no que estivo acompañado por membros da Corporación municipal e do reparto da serie de televisión Fariña. “Hoxe acendemos o Nadal, e facémolo con gran felicidade, porque sabemos que é un tempo especialmente importante para moitas persoas desta cidade que se reencontran cos seus seres queridos. Sabemos que esta época do ano merece dun alumeado especial, que desprenda calor e coidados, que nos marque un paso seguro no medio da noite. Non obstante creo tamén que é necesario que ninguén esqueza que a Coruña ten luz propia todo o ano, a vosa luz, a do ben común. Unha luz que debemos coidar e protexer tamén durante os outros once meses do ano. A luz, por exemplo, que amosan coa súa coraxe todos e todas as traballadoras de Alcoa, que están a loitar, con toda A Coruña detrás, polo mantemento dos seus postos de traballo”, sinalou o rexedor na súa intervención.

Ferreiro lembrou que, “seguindo xa unha tradición municipal”, a iluminación acendeuna  “un grupo de persoas que representan a toda a veciñanza”. “Fano actores e actrices coruñesas e galegas, do reparto dunha serie especialmente aclamada en todo o Estado. Actores e actrices que representan a nosa cidade e cos que, ademais, de forma especial, queriamos render unha homenaxe a todas esas persoas que durante décadas colocaron e colocan A Coruña no centro das artes. Esta cidade é un referente no campo das letras, da ilustración, da escenografía e do audiovisual. E éo grazas ao empuxe e ao excepcional traballo de veciños e veciñas, de compañeiros e compañeiras: de persoas como Manuel, como Isa, como Uxía, como Eva, como Iolanda, como Monti… e de persoas como Nacho Carretero, que escribiu a obra que inspirou á serie Fariña”, sinalou o alcalde.

A %d blogueros les gusta esto: