coruna 03/16/2019

Xulio Ferreiro destaca a aposta da Marea Atlántica pola área metropolitana, a defensa do bordo litoral e o fomento da innovación como fórmula para impulsar a economía da cidade

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acudiu a un almorzo informativo no Club Financeiro Atlántico en calidade de candidato da Marea Atlántica ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Neste escenario, o rexedor salientou a aposta diferencial que a Marea fixo ao longo de todo o mandato pola área metropolitana, a defensa do bordo litoral e o fomento da innovación e o coñecemento como unha das fórmulas coas que impulsar a economía da cidade.

“Nunca é positivo apostar polo monocultivo, hai que diversificar e dar cabida a distintos sectores”, sinalou Ferreiro, que avogou polo sector industrial, o loxístico-portuario, a innovación e as novas tecnoloxías como as bases nas que asentar o modelo económico da Coruña. “Para o fomento económico é necesario, ademais, investir recursos en equilibrar a balanza”, dixo Ferreiro, que recordou que neste mandato municipal A Coruña se converteu na cidade de Galicia que máis gasto social efectúa por habitante, cunha media de 105 euros por persoa. Nese sentido, recordou que o goberno da Marea Atlántica tivo “unha folla de ruta na que tamén foi e é fundamental o desenvolvemento de políticas encamiñadas a devolver autonomía a aquelas veciñas que menos teñen”.

“Esas liñas de actuación, xunto coa potenciación do comercio de proximidade e a especialización en novos nichos como a economía circular deben ser os cabalos de batalla do próximo mandato”, subliñou o candidato, que incidiu en que o proxecto de constituír na Coruña unha Cidade das TIC “é xa un reto fundamental para o despegue económico dunha área que representa a metade do PIB de Galicia”.

Cidade das TIC, Área Metropolitana e Bordo Litoral

“A Coruña do futuro pasa tanto polo desenvolvemento de proxectos estratéxicos como é a Cidade das TIC como pola aposta que a Marea Atlántica liderou da man da cidadanía para garantir o uso e xestión públicas dos terreos do bordo litoral da cidade, como gran espazo de oportunidade para as décadas vindeiras”, manifestou, á vez que incidiu na necesidade de mellorar as conexións de toda a área metropolitana “para o que será imprescindible o desenvolvemento da estación Intermodal da que, nestes momentos, o goberno local xa ten listos os proxectos de trazado dos accesos”.

“É necesario poñer os vimbios para superar o cambio de modelo empresarial e industrial que estamos vivindo e, dende logo, ese debate non pode darse se non é dende unha perspectiva ampla, motivo polo cal puxemos en marcha, da man da Universidade da Coruña, pero coa colaboración de entidades de todo o tecido social e empresarial, a Estratexia de Innovación Metropolitana 2030, que pretende definir as liñas básicas de actuación para o crecemento económico e innovador de Coruña e comarca”, explicou.

“Non podemos analizar o local sen ter en conta a realidade global, o que levou á Coruña, de novo, a unha posición de liderado, xa que somos unha das primeiras cidades que está a traballar na configuración da súa axenda urbana propia, seguindo os postulados de Nacións Unidas e mediante acordos co Ministerio de Fomento como e ONU Hábitat”, apuntou.

Marca de visitantes e captación de fondos europeos

Ferreiro indicou que, ao longo destes últimos catro anos, A Coruña definiu un novo modelo de cidade recoñecible e exportable. “Convertémonos nun referente en canto a políticas innovadoras, o que nos levou a captar a moi destacable cifra de 25 millóns de euros en axudas europeas para a posta en marcha de liñas de actuación que mellorarán de forma notable a calidade de vida dos barrios”, explicou. Do mesmo xeito, fixo fincapé en que a cidade “está sendo capaz de atraer eventos que xeran capacidade económica e atraen turismo, como é o caso do Fórum Metropolitano ou, sen ir máis lonxe, a Mobile Week Coruña, un evento innovador e referencial que escolleu a nosa cidade e no que o Concello actuou da man do propio Club Financeiro”.

“A pesar de quen de forma interesada e pouco responsable quixo debuxar unha cidade parada, a realidade é que a aposta que dende o Concello se fixo por Alvedro está influíndo nos seus bos números, sendo 2018 o seu segundo mellor ano da historia, medrando en pasaxeiros (nun 7,4% ata o 1,2 millóns), en operacións (9,2% máis) e en tráfico de mercancías (un 4,3% máis)”, salientou o candidato, que recordou que, tamén neste mandato, A Coruña logrou o seu máximo histórico de visitantes. “Os anos 2016 e 2017 foron especialmente bos; só no mes de agosto, coincidindo coas festas de María Pita superamos un ano e rozamos o outro os 60.000 visitantes segundo os datos do IGE, fronte, por exemplo, os 46.800 do mesmo mes en 2014”, apuntou.

Licenzas e Xestión

Ferreiro tamén quixo destacar a boa xestión realizada polo goberno da Marea Atlántica. “Os datos fríos así o revelan: o goberno local rematou o ano 2018 con 978 licenzas de obra concedidas, un 74% máis que as 562 que se contabilizaron en 2014, o último ano completo do PP. A media mensual de licenzas outorgadas en 2018 é de 81,5, algo que contrasta moito cos datos do anterior mandato municipal, cando falabamos dunha media que, en 2014, era de 46,8”, dixo, á vez que chamou a atención sobre a “mochila” que o Concello e a cidadanía da Coruña teñen que soportar polas malas praxes urbanísticas de mandatos anteriores.

“Malas actuacións urbanísticas de épocas pasadas derivan en que, cada ano, o Concello teña que facer fronte a uns gastos millonarios en indemnizacións. Como saben, impulsando un pioneiro proceso de mediación fomos capaces de evitar o execución de sentenza de derribo do antigo Conde de Fenosa, que tería un custo para a cidade que superaría os 60 millóns de euros pero, aínda así, debemos facer fronte a unha indemnización de 3 millóns de euros”, explicou. “Ademais debemos facernos cargo doutras indemnizacións por valor de 14,5 millóns derivadas das expropiacións no Castro de Elviña en época socialista, e nestes últimos días tívose coñecemento doutra sentenza máis, derivada da concesión por parte do goberno do PP dunha licenza ilegal da gasolineira de Carrefour en Alfonso Molina”, recordou.

A %d blogueros les gusta esto: