coruna 05/19/2019

Xulio Ferreiro evidencia a falta de proxecto para a cidade do PP e do PSOE, “que na Coruña non se distinguen nin nas propostas nin no que votan en María Pita”

by Victor Lamela

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, reivindicou no debate de candidatos e candidatas á Alcaldía da Coruña celebrado en Radio Coruña que a Marea Atlántica é a única formación que se presenta ás municipais cun modelo de cidade. Por outro lado, pediu á cidadanía que recorde “quen é quen nestas eleccións”. “Pídolle á veciñanza que non se deixe enganar, que recorde quen é quen nesta cidade, que intereses representan uns e que intereses representan outros, onde estaban os que agora se presentan a estes comicios como se fosen novos”, declarou. “É curioso que haxa quen agora reivindica que vén aquí a parar a dereita cando pactou con ela todo o mandato. Nin o PP nin o PSOE da Coruña teñen proxecto de cidade. Nesta cidade, non se distinguen nin nas súas propostas nin no que votan en María Pita”, apuntou.

“O 26 de maio temos eleccións na Coruña. Imos tomar unha decisión importantísima para o futuro de varias xeracións. Escollemos entre seguir adiante cun modelo de cidade inclusiva, sostible e innovadora, unha cidade de dereitos e oportunidades para a maioría, ou regresar aos tempos en que a cidade era, sobre todo para uns poucos, un modelo de negocio”, indicou. “Que non nos enganen os que nunca nos dixeron a verdade: esa, e non outra, é a decisión que imos tomar o 26 de maio. Podemos renunciar ao cambio iniciado hai catro anos e tirar pola borda todo o que fixemos xuntos e xuntas, ou podemos renovar a confianza por catro anos máis e consolidar A Coruña como unha cidade líder que mira ao horizonte 2030”, salientou.

No marco do debate, Xulio salientou as cifras da Marea Atlántica, así como solicitou rigor ao resto de candidatas á Alcaldía á hora de dirixirse á veciñanza. “É curioso. PP e PSOE pactaron o bloqueo a tres de catro orzamentos. En 2018, único presuposto que nos deixaron sacar adiante a principio do ano, tivemos un nivel de execución global do 81,53%. A execución de investimentos foi superior á de 2007, 2008, 2011 e 2012. Falan de cartos sen gastar, dunha suposta inexecución da Marea de máis de 180 millóns. Miren, durante o mandato do PP, entre 2011 e 2015, deixáronse sen executar 229,6 millóns de euros, máis ou menos 940 euros por habitante. Pero é que a inexecución durante o mandato do PSOE e o BNG aínda foi maior, xa que chegou aos 307,8 millóns de euros”, dixo.

“Non enganen á xente. Como poden reivindicarse como bos xestores cando o Concello e a cidadanía da Coruña tiveron que facer fronte a 25 millóns de euros nos últimos catro anos en concepto de indemnizacións polas súas chapuzas urbanísticas? Como poden dicir que son bos xestores, cando foi a Marea a que logrou unha solución que evitou a bancarrota do Concello e ter que pagar máis de 60 millóns de euros polo derrubo do Conde de Fenosa, por unha licenza ilegal dada polos socialistas da Coruña”, indicou. “Os partidos que hoxe se reivindican como grandes xestores son os que acordaron a venda dos peiraos interiores da cidade no ano 2004. Os que se reivindican como grandes xestores foron os que, nos sucesivos gobernos en Madrid, non foron capaces de dotar Punta Langosteira dunha conexión por ferrocarril”, dixo, á vez que indicou que populares e socialistas deberían dar explicacións polas supostas irregularidades que o Tribunal de Cuentas está a pedir que se investiguen relacionadas con sobrecustos e adxudicacións a dedo nas obras do Porto Exterior ou de obras que comezaron antes de resolverse adxudicacións.

En canto ás propostas da Marea Atlántica para o futuro do porto coruñés, o primeiro edil recordou que foi o actual goberno local “o primeiro, da man da cidadanía, que reivindicou e loitou porque os terreos portuarios sexan de uso e xestión pública”. “O vindeiro mandato abriremos os peiraos de Batería e Calvo Sotelo”, dixo, para recordar que a proposta do goberno local pasa por reordenar tráfico e aparcadoiros e dotar este espazo de equipamentos necesarios para mellorar a calidade de vida da cidadanía, como pistas deportivas ou unha pista cuberta. Tamén se prevé a construción dun centro de cultura contemporánea, que poña en valor a historia da cidade e do mar. Por outro lado, San Diego consolidarase como un pulmón produtivo da cidade, un espazo para actividades baseadas no mar e a innovación, fomentando o transporte metropolitano de persoas e tamén neste caso, garantido un solo 100% público.

Vermú na praza José Sellier

Rematado o debate, Xulio, así como o resto da candidatura da Marea Atlántica, celebraron un vermú aberto na praza José Sellier, cunhas 300 persoas, e que contou coa actuación de ​Astrogirl ​e ​Nacho Vegas​. Alí, o primeiro edil salientou que “foi coa Marea coa que a cultura se democratizou e se fixo accesible”. Así, destacou a ampliación e descentralización do Festival Noroeste, o incremento da oferta dos locais de ensaio, que continuará no próximo mandato, ou a aposta polos e polas creadoras locais coa Coruña Gráfica.

No acto público salientou, a respecto das enquisas, que “a medida que se retira a sombra das eleccións xerais e estamos máis preto das municipais, mellores son as previsións para a Marea Atlántica”. “Canto máis falamos da cidade, canto máis debate hai entre as diferentes candidaturas, máis opcións para que a Marea Atlántica revalide a Alcaldía.. Quedan cinco días decisivos de campaña, nos que iremos ao encontro de cada persoa indecisa”, manifestou.

A %d blogueros les gusta esto: