coruna 17/01/2016

Xulio Ferreiro insiste en coñecer as propostas do grupo municipal socialista para os Orzamentos e amosa a “disposición” do Goberno local para atendelas

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, volveu chamar onte, sábado, ao grupo municipal socialista a expoñer as súas prioridades cara á negociación dos Orzamentos municipais para o 2016 e declarouse confiado en que os presupostos poidan saír adiante “canto antes”. “Nós presentamos ese proxecto de Orzamento ao PSOE e, cando se nos pide información complementaria, estáselle subministrando. O que lle pedimos é que nos dea f eedback; que pensan e cales son as súas prioridades políticas, porque o PSOE presentouse a unhas eleccións cun programa e unhas prioridades. Ao tempo que nós lles facilitamos a información, pedimos que nos dean esa información de volta, e cales son as súas condicións para apoiar os Orzamentos”, demandou o rexedor, quen recalcou que o Goberno municipal “está disposto a escoitar esas prioridades e incluílas”.

“Temos que ser quen de poñernos de acordo para aprobar os Orzamentos”, insistiu Ferreiro no curso dunha entrevista en Radio Coruña Cadena Ser, durante a cal incidiu en que “o cambio de políticas require uns Presupostos a esa altura”. “A xente votou en maio para que houbese un cambio de políticas. Esas persoas que votaron Marea Atlántica, ou PSOE ou BNG votaron ese cambio, e este require uns Orzamentos que permitan, por exemplo, a Renda Social Municipal, que xa ten o instrumento normativo listo e practicamente preparado para ir a Pleno, e que desoís precisará dunha inxección orzamentaria de máis de dous millóns de euros para que este ano xa poida funcionar”, manifestou o alcalde. Nese sentido, valorou que “o Goberno da Marea non debería gobernar cun presuposto do PP”.

O rexedor sinalou tamén que o proxecto orzamentario que se lle facilitou ao grupo municipal socialista o día 11 de decembro “non está pechado, porque se o presentamos pechado se nos vai dicir que tampouco quixemos negocialo antes”. “O que non podiamos era conformar un expediente definitivo e pechado, porque se nos diría que non estamos a negociar. Dámoslles un punto de partida para esa negociación, un documento coa suficiente apertura para que poidan traballar con el”, aclarou Ferreiro, e lamentou as “duras declaracións” contra o documento. “Ás veces dame a impresión de que se enreda demasiado nestas cuestións”, considerou, para recalcar que “toda a información que temos estamos a poñela a disposición do PSOE”.

Noutro orde de asuntos, o alcalde confirmou que o túnel da Mariña abrirase “canto antes, cando as obras que faltaban e as deficiencias que quedaban por solventar estean rematadas”. “Díxosenos que esta semana ou a que vén ían estar; se iso é certo, e a parte da seguridade recibe o visto bo dos técnicos, abriremos”, indicou, para engadir: “Non temos ningún interese en que as cousas sigan como están pero o que non pode o Goberno local é recepcionar a obra se os técnicos municipais non dan o OK, e o que non estamos facendo é apertar os técnicos municipais para que o dean antes de tempo”.

A %d blogueros les gusta esto: