Uncategorised 19th febrero 2019

Xulio Ferreiro propón unha “coalición xenerosa e solidaria” para manter a unidade do espazo político da confluencia

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, lanzou a proposta dunha “coalición xenerosa e solidaria para disputarlle á dereita en Galicia as eleccións xerais do vindeiro 28 de abril”. “Valoro as diferentes propostas sobre a mesa, pero creo que hai que ir máis lonxe, que debemos impulsar unha alianza ampla na que todos e todas atopemos un lugar dende o que remar na mesma dirección. Mareas municipalistas, partidos da confluencia e a propia En Marea, en pé de igualdade, deberíamos facer un exercicio de realismo e responsabilidade”, dixo.

Nese chamamento á reflexión, Xulio Ferreiro sinalou que “vivimos un momento de excepción, é tempo de sermos realistas. Nesta primavera non nos xogamos unicamente o goberno da cidade. Xogámonos moito máis. E tamén sabemos que a aventura da unidade é a aventura de insistir. Non hai fórmula perfecta. Nunca se acaba de armar o cesto de todo”. Por iso, reiterou a importancia de “dotarnos dun espazo no que todos os actores se sintan cómodos”.

“Hoxe, lamentablemente, ningunha das ferramentas que puxemos en marcha representa á totalidade do espazo”, desde AGE á asemblea constituínte de En Marea en Vigo, pasando polas mareas municipalistas, e o acordo de Mazarelos, “pero todas son representativas de algo moito máis importante ca unhas siglas: o desexo e a demanda de unidade. E todas son imprescindibles para afrontar a encrucillada á que nos precipita a covardía de Pedro Sánchez. Eu, dende logo, non vou tirar a toalla. Non quero resignarme á fragmentación nin ao desánimo. Non dou por perdida a unidade”, declarou Ferreiro.

A %d blogueros les gusta esto: