coruna 17th mayo 2019

Xulio Ferreiro reivindica, no Día das Letras, ás grandes escritoras e editoras locais e anuncia a posta en marcha dun plan estratéxico para transformar A Coruña na Cidade do Libro

by Victor Lamela

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na manifestación a prol do idioma propio de Galicia convocada pola plataforma Queremos Galego!, así como nun xantar con representantes do sector cultural da cidade na libraría Berbiriana. O primeiro edil reivindicou a súa difusión en todos os ámbitos da vida, empezando polo da cultura, como máximo vehículo de expresión. Así, recordou que o programa de goberno da Marea Atlántica para o vindeiro mandato reivindica a conversión da Coruña na Cidade do Libro. “Para iso, poremos en marcha un órgano de participación estable co sector para deseñar e poñer en marcha un Plan Estratéxico do Libro na Coruña que implique ás librerías, as escritoras e os escritores, as profesionais e os profesionais da tradución, as lectoras e os lectores, as editoriais, as distribuidoras, a universidade, as bibliotecas municipais e o persoal técnico do Concello e outras administracións”, indicou. “Esta é unha cidade de letras, unha cidade de editores e editoras, de autores e autoras que se inspiraron e escribiron dende a nosa cidade e no noso idioma”, dixo Xulio. “A cultura e a lingua deben e poden ser, tamén, un revulsivo económico, un polo de atracción turística e unha poderosa arma a prol da igualdade”, explicou.

Con este obxectivo, durante o vindeiro mandato, a Marea Atlántica tamén creará o Consello Municipal da Cultura, un órgano estable de participación e consulta dende o que deseñar de xeito colectivo as políticas culturais da Coruña. Na mesma liña, tamén se habilitará unha Oficina de Cooperación Cultural para favorecer a creación. Manterá un censo dixital de traballadores e traballadoras da cultura na cidade, un mapa dixital de espazos e recursos para a produción e a creación cultural e dará apoio ás actividades profesionais e formativas das creadoras. “Cómpre que a cultura se democratice. Por iso, tamén apostamos pola creación dunha Axenda Cultural da Coruña, unha ferramenta dixital que recolla toda a programación da cidade neste ámbito”, explicou.

Dentro das apostas para o segundo mandato, a Marea Atlántica realizará a posta en valor do Castro de Elviña, co obxectivo de reivindicar a relevancia do xacemento arqueolóxico dentro da historia da cidade, o máis importante despois a Torre de Hércules. Tras a escavación e restauración que se levou a cabo nos últimos anos, agora é preciso afondar na súa difusión e coñecemento facilitando a recepción dos visitantes e as visitantes, mellorando os seus accesos e creando unha plataforma virtual que permita coñecer o castro de maneira dixital. Ao tempo, incrementarase a área verde da zona para convertela nun gran parque metropolitano.

As liñas culturais que se activarán dende o Concello nos próximos anos seguirán a manter a liña de apertura e implicación da cidadanía. Así, proponse a apertura dos equipamentos culturais para o seu uso libre por parte da veciñanza e os colectivos culturais e artísticos da cidade nos horarios libres. Crearase, ademais, un censo dixital con toda a información sobre os equipamentos culturais da cidade e mellorarase a sinalización nas rúas para aumentar a súa visibilidade. No ámbito da programación impulsada dende o Goberno local, a Marea Atlántica apostará por favorecer a súa diversidade, que debe reflectir, en colaboración coas entidades representativas, a sociedade plural que existe na cidade.

Mitin nos Mallos

O alcalde e candidato á reelección participa esta tarde, ás 20.00 horas na rúa Ángel Senra, nun mitin no que se encontrará coa veciñanza dos Mallos e a Sagrada Familia. Neste encontro intervirán tamén a número 16 da lista electoral, Antía Garrote, e o concelleiro de Emprego e Economía Social e número 5, Alberto Lema. Xulio Ferreiro avanzará aos veciños e ás veciñas algunhas das propostas que contén o programa da Marea Atlántica para o barrio e a súa contorna, como é a remodelación da Sardiñeira, a Agra dos Mallos e a avenida do Ferrocarril. Unhas obras que se atopan incluídas nas actuacións previstas para mellorar a mobilidade na zona e adaptala á futura estación intermodal e que suporán tamén unha mellora do espazo urbano, a creación de dúas glorietas na rolda de Outeiro e na avenida de Arteixo para incrementar a fluidez do tráfico e a introdución doutras mobilidades como a bicicleta. “​Conectaremos Os Mallos co resto de vías ciclables, coa creación dun novo carril bici entre Puga y Parga e a nova glorieta de Ramón y Cajal a través de Fernández Latorre. Para levar a cabo esta obra renovaremos a rúa Puga y Parga e reurbanizaremos Pardo de Cela como rúa peonil”, explica Ferreiro. Tamén se levarán a cabo nos vindeiros anos outras actuacións de peonalización nas rúas Río Ulla, Río Arnoia e Río Sar e obras de renovación da praza Padre Rubinos e do treito da rúa Ramón Cabanillas máis próximo ao mercado.

Os barrios dos Mallos e da Sagrada contarán tamén cun equipo do proxecto Coruña Suma para mellorar a inclusión laboral na zona e, xa en Catro Camiños, crearase un equipamento aberto á libre disposición da veciñanza no pavillón dos xardíns de Catro Camiños. Xunto a el, baixo o viaduto de San Pedro de Mezonzo, construirase unha pista de skate.

A %d blogueros les gusta esto: