coruna 16/10/2015

Xulio Ferreiro revalida no Parlamento Europeo o compromiso do Concello contra o cambio climático

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este xoves no Parlamento Europeo en Bruxelas na reunión do Pacto Europeo dos Alcaldes e as Alcaldesas por unha Enerxía Sostible e contra o Cambio Climático, organismo que reúne a 6.000 rexedores de toda Europa e no que o goberno local reafirmou os seus compromisos de programa ademais de sumarse á axenda para o período 2020­2050 que se aprobou na reunión.

unnamed

“A Coruña quere ser referencia tamén no coidado do planeta, comezando pola nosa propia cidade”, indicou Ferreiro, que se sumou en nome do Concello aos acordos tomados polo Pacto de Alcaldes, que son, entre outros, o de reducir as emisións de CO2 cando menos nun 40% até 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovábeis; o de traballar na redución do impacto do cambio climático no territorio; o de asumir obxectivos concretos e dar conta do seu cumprimento ou o de estender o Pacto a un ámbito maior, abrindoo á participación de autoridades locais de todo o mundo.

“Sumámonos gustosos a estes obxectivos, como por exemplo ao de dar contas do desenvolvemento dos compromisos, algo que está moi relacionado coa nosa forma de gobernar e que vemos que tamén se instala na axenda global” comentou o alcalde da Coruña, que engadiu: “Este goberno retomou desde o primeiro día a Estratexia Local Contra o Cambio Climático aprobada en 2011, antes das eleccións dese ano, posto que no nos programa xa incluiamos a súa revisión e revitalización, así como a dotación de recursos para a Oficina Contra o Cambio Climático”.

Nese sentido, o alcalde da Coruña refrendou no Parlamento Europeo as medidas concretas e inminentes, mesmo algunha xa en marcha, do seu goberno neste sentido, entre as que destacou “a introdución de cláusulas medioambientais e de eficiencia enerxética na contratación pública; a protección do parque de Bens; a aposta polo transporte público; a eficiencia enerxética nos edificios municipais e privados; a xestión ecolóxica das zonas verdes; a procura de acordos con industrias con base na cidade ou a inclusión da economía verde como liña de traballo no Plan de Emprego”.

A maiores, segundo lembrou Ferreiro, “o Concello tamén traballa no arranxo de problemas medioambientais crónicos na cidade, como pode ser o da Ría do Burgo, cuxa limpeza e recuperación é unha das prioridades deste goberno, que traballa arreo para conseguilo xunto a outras institucións locais ou a propia Universidade”.

A %d blogueros les gusta esto: