NOCHE, QUE VISITAR 18 mayo, 2017

A Coruña celebra o Día dos Museos con actividades entre o 18 e o 20 que “achegan á veciñanza a un dos sinais de identidade desta cidade”

by Victor Lamela

A cidade da Coruña acollerá entre o xoves 18 e a noite do sábado 20 actividades en todos os centros museísticos da cidade, co obxectivo de “achegar á veciñanza a un dos sinais de identidade desta cidade”. Así se manifestou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que salientou que “a aposta do Goberno local pola transmisión da cultura e o coñecemento a través deles queda referendada”. Desta forma, o Kiosco Alfonso, ademais do Museo Arqueolóxico, a Casa Museo María Pita, a Casares Quiroga, a Casa Museo Picasso, a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a colección do Pazo municipal de María Pita, a Fundación Luís Seoane e a Torre de Hércules, contarán con diversas actividades de balde e para todos os públicos, ao igual que outras institucións de transmisión de coñecemento que non son dependentes do Concello, pero coas que colabora de xeito puntual, como é o caso da Sede de Afundación, Galería Vilaseco, Fundación Barrié, Galería de Arte Xerión, Museo Militar e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt). As actividades programadas van dende visitas guiadas especializadas para nenos e nenas e familias ate animacións teatrais, obradoiros de arqueoloxía e prehistoria e actuacións. (Ver documento adxunto). Ademais, está previsto que os museos científicos da cidade (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae) teñan unha xornada de portas abertas de balde o día 18.

Entre as actividades específicas do xoves 18 destaca a mesa redonda sobre Museos e Historias Controvertidas: A Torre de Hércules e os espazos de memoria , que organiza a Torre de Hércules e que terá lugar ás 20.00 horas. Na mesma participarán Carmen Rodeja, en representación da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica; Ana Martínez Arenas, técnico do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, e Emilio Grandío, historiador e representante do Proxecto Cárcere. O debate estará moderado por Ana Santorum, a directora da Torre de Hércules. Pola súa banda, a Fundación Luís Seoane tamén contará mañá, día 18 cunha actividade especial denominada Paint it blue: vente apropiar do museo connosco! , unha xornada de portas abertas na que se convidará aos e ás asistentes a intervir o propio espazo museístico con cinta de enmascarar azul. Será entre as 17.00 horas e as 21.00 horas e contará coa colaboración das artistas Eva Agra, Vanesa Trinidad e Ernesto de Cico.

Sábado 20

O groso das actividades do Día dos Museos terá lugar este sábado 20, xornada na que tamén se celebrará a Noite dos Museos, de forma que moitos dos centros de exposicións manterán as súas portas abertas até a medianoite. Así o fará o Museo Arqueolóxico, que contará con visitas guiadas en horario de 12.00 a 13.30 horas e de 22.00 horas a 23.30 horas, mentres que as casas museos da cidade manterán o seu horario de apertura até as 22.00 horas. Pola súa banda, o sábado, a Torre de Hércules estará aberta de 10.00 horas a 21.00 horas, con entrada gratuíta. No centro de Interpretación (CIAV) haberá unha exposición de material de recreación romana, a cargo da Asociación de Recreadores de Galicia.