ESPECTACULOS 28 julio, 2020

COMUNICADO AYUNTAMIENTO: LAS FIESTAS DE MARIA PITA SE REDUCEN UN 75%

by Alexia Prieto

Despois de analizar a situación epidemiolóxica actual ocasionada pola pandemia da COVID-19 na cidade, e de contrastar os datos coa Consellería de Sanidade, o Goberno local decide reducir as festas da cidade un 75%.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, determinou xunto ao resto do executivo ofrecer uns festexos de María Pita “reducidos e acordes” á realidade actual. Un dos obxectivos fundamentais é presentar unha programación cultural absolutamente local e galega co fin de axudar a mitigar o dano causado pola pandemia na industria cultural coruñesa.

Neste senso, todos os grupos, agrupacións ou compañías serán exclusivamente coruñeses e galegos.

En todos os eventos levarase a cabo un protocolo COVID de cara a garantir a total seguridade das e dos artistas e mais do público asistente, aínda que no caso de que exista o mínimo risco para a saúde da poboación, optarase por suspender as actividades previstas.

A Feira do Libro, o salón Viñetas desde o Atlántico e a feira Mostrart de artesanía manteranse xa que cumpren coas premisas de seguridade recomendadas pola Consellería de Sanidade.

Todos os eventos realizaranse ao aire libre seguindo o consello das autoridades sanitarias.

Co fin de reforzar o protocolo de seguridade montaranse varios escenarios que facilitarán a correcta distancia social entre as e os espectadores.

Haberá unha capacidade máxima para cada unha das citas programadas de 400 persoas que deberán reservar a súa localidade de forma gratuíta a través dunha plataforma electrónica, a cal se anunciará o máis cedo posible.

Os eventos culturais comezarán o vindeiro sábado día 1 de agosto e finalizarán o domingo 9 de agosto.

Non haberá pregón co obxecto de evitar aglomeracións indesexadas.

O Festival Noroeste terá unha duración de tres días (7, 8 e 9 de agosto), e o cartel estará formado integramente por grupos locais e galegos.